Mobilidade
A Comisión Académica realizará as xestións que estean ao seu alcance para promover a mobilidade dos estudantes do Máster. Para iso recorrerá aos servizos propios da universidade.
A súa planificación e xestión desenvólvese a través da Vicerreitoría de Internacionalización e da Oficina de Relacións Exteriores da Universidade, en coordinación coa Facultade a través da Unidade de apoio á xestión de centros e departamentos (UAGCD) e do vicedecano/a responsable de programas de intercambio.
Actualmente a Universidade de Santiago de Compostela colabora nos programas Sócrates-Erasmus, Erasmus Mundus e Sicue, que complementa con varios programas que pretenden fomentar a mobilidade dos membros da comunidade universitaria con universidades de América, Asia, Australia e Suiza.
A Facultade ademais, conta coa colaboración de varios profesores/as que actúan como coordinadores académicos e cuxa función é titorizar e asistir nas súas decisións académicas aos estudantes propios e de acolleita. A selección de candidatos lévase a cabo, para cada convocatoria ou programa, por unha comisión de selección, composta polo decano ou decana, o vicedecano ou vicedecana responsable de programas de intercambio, o/a responsable da UAGCD e os/as coordinadores académicos, de acordo con criterios de baremación, previamente establecidos, que teñen en conta o expediente académico, unha memoria e, no seu caso, as competencias de idiomas que esixe a Universidade de destino.
A USC dispón de servizos propios de atención aos estudantes. Na USC estes servizos canalízanse a través da Oficina de Relacións Exteriores, mantén un sistema de información permanente a través da páxina web, que se complementa con campañas e accións informativas específicas de promoción das convocatorias. Ademais, conta con recursos de apoio para os estudantes de acolleita, tales como a reserva de prazas nas Residencias Universitarias, ou o Programa de acompañamento de estudantes estranxeiros (PAE) da Vicerreitoría de Internacionalización, a través do cal voluntarios/as da USC realizan tarefas de acompañamento dirixidas á integración na cidade e na Universidade dos estudantes de acolleita.
En canto aos/as estudantes de acolleita, organízase unha sesión de recepción, ao comezo de cada semestre, na que se lles informa e orienta sobre a Facultade e os estudos, á vez que se lles pon en contacto cos coordinadores académicos, que actuarán como titores, e o persoal do Centro implicado na súa atención.
A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa):
Portal Internacional
Prácticas
Tras cursar esta materia os alumnos han de ser capaces de :
1. Comprender e tratar as múltiples manifestacións socio-culturais do mundo actual.
2. Desenvolver proxectos culturais de distinto tipo e finalidade.
3. Comprender a complexidade do fenómeno intercultural e as diferentes aproximacións á multiculturalidade.
4. Coñecer os diferentes ámbitos profesionais e de investigación vinculados aos servizos culturais, tomando en consideración a especificidade das entidades públicas, semipúblicas e privadas.
5. Traballar no ámbito da cultura con grupos humanos con necesidades específicas e/ou con risco de exclusión.
6. Aplicar as aptitudes e destrezas necesarias para organizar equipos humanos e formar parte deles.
7. Aplicar as destrezas necesarias para deseñar estratexias de intervención e actuación para cada un dos ámbitos e institucións culturais.
8. Estimular a creatividade para dar respostas adecuadas aos problemas suscitados e fomentar o gusto pola innovación a partir do fomento da análise crítica dos datos e teorías presentadas.
9. Respectar a diversidade étnica, lingüística e cultural e valorar a necesidade de conservar dita diversidade.
10. Respectar os dereitos fundamentais e de igualdade entre homes e mulleres, respectar e promocionar os Dereitos Humanos e os principios de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, así como os valores propios dunha cultura de paz.
Os alumnos que sigan a Modalidade A, profesionalizante, deberán empregar 6 créditos ECTS no desenvolvemento de prácticas en institucións públicas, semipúblicas ou privadas (concellos, fundacións, empresas culturais, etc.) coas que a Facultade de Humanidades teña establecido o pertinente convenio de colaboración. Ao finalizar esta etapa o alumno deberá presentar unha breve memoria ao seu titor.
Entre as metodoloxías docentes usadas, está a exposición do funcionamento xeral da entidade de prácticas e das actividades a realizar, o desempeño das actividades prácticas encomendadas, a orientación e supervisión das actividades prácticas e a elaboración da memoria de prácticas.
O sistema de avaliación consiste na valoración do informe sobre o cumprimento das obrigacións realizado polo coordinador de prácticas e da memoria de actividades presentada polo alumno.