En efecto, os primeiros tempos non foron moi doados, dado que a cátedra de Matemáticas fora adscrita á Facultade de Artes e estaba pensada fundamentalmente para a formación dos licenciados en Medicina. Non sendo daquela Matemáticas unha materia obrigatoria, tivo una baixa participación por parte do alumnado.
As cousas melloraron co novo plan de estudos de 1772, e pasou a encargarse da súa ensinanza Luis Marcelino Pereira, que foi profesor de José Rodríguez González, o matemático de Bermés, científico ilustre que pode ser considerado o primeiro gran matemático galego.
A revisión dos estudos universitarios que tivo lugar en 1807 favoreceu claramente o desenvolvemento das matemáticas na USC, xa que a partir de entón para calquera carreira foi necesario estudar Matemáticas Elementais. Aínda máis, naquel momento creouse, cun nivel superior, a nova cátedra de Matemáticas Sublimes, que serviu para proxectar figuras emblemáticas, coma a do propio Rodríguez, e logo a do seu discípulo, Domingo Fontán.
Ambas as dúas cátedras, a de Matemáticas Elementais e a de Matemáticas Sublimes, perduraron ao longo do século XIX, asociadas aos nomes de Cristóbal Pecul, Joaquín Patiño, Juan Antonio Mojón, José Vega, José Fernández Losada ou Luis Pose Varela, á parte dos xa nomeados e distinguidos José Rodríguez e Domingo Fontán.
Outro paso positivo foi, sen dubida, a creación, en 1857, da Facultade de Ciencias, onde as matemáticas gañaron protagonismo grazas á creación da materia de complementos de Álxebra e Xeometría, cuxa cátedra foi ocupada por José Ramón de Luanco y Riego, recibindo logo o seu encargo Manuel Ulloa Ibarzábal. Desafortunadamente a Facultade de Ciencias foi suprimida en 1874.
No século XIX, cómpre destacar así mesmo o establecemento dos primeiros institutos galegos de segundo ensino: Lugo (1842), Santiago de Compostela (1845), Pontevedra (1845), Ourense (1845), Monforte de Lemos (1848) e A Coruña (1865).
Outros centros nos que se cultivaron e ensinaron as matemáticas en Galicia durante todo este tempo foron a Academia de Gardas Mariñas en Ferrol (1776-1823) ou o Real Consulado da Coruña (1785- 1833), con continuación nas Escolas de Comercio e de Náutica, o Real Colexio Militar de Santiago de Compostela (1811-1823), as Escolas Normais a partir de 1841 (logo denominadas Escolas de Formación do Profesorado, hoxe en día convertidas en facultades), a Escola Naval Flotante (1869-1908), e tamén, desde 1876, as Escolas de Artes e Oficios, así como as Sociedades Económicas de Amigos do País, que iniciaron as súas actividades sete anos máis tarde. Xa no comezo do pasado século hai que destacar a Escola Superior de Industrias de Vigo (actualmente Escola de Enxeñaría Industrial).
O esquecemento ao que estiveron sometidas as matemáticas na Universidade compostelá dende finais do século XIX ata ben entrado o século XX rachou coa creación de dúas importantes cátedras: a de Análise Matemática e mais a de Xeometría Analítica. A primeira foi ocupada por José María Orts Aracil e a segunda por Olegario Fernández Baños. O alto nivel acadado coa presenza destes dous profesores motivou que se puidesen cursar na USC os dous primeiros cursos de Ciencias Exactas (hoxe Matemáticas).
O profesor Fernández Baños fixárase xa daquela na produción matemática e astronómica do presbítero lalinense Ramón María Aller Ulloa, quen tiña un observatorio particular na súa vila natal cunha extraordinaria proxección científica, e invitouno, sen éxito, a incorporarse como axudante de clases prácticas.
En 1934, o traslado de Fernández Baños á Universidad Central de Madrid permitiu a chegada, tras a correspondente oposición, dun novo catedrático de Xeometría, o profesor galego José Rodríguez Sanz. Débese a Rodríguez Sanz a creación do Seminario Matemático Durán Loriga (1935-1936), con cuxo nome homenaxeaba o destacado matemático coruñés. Anos antes incorporárase tamén á Facultade de Ciencias o padre José Cepeda Vidal como auxiliar temporal nas ensinanzas de Matemáticas, sendo posteriormente o secretario do Seminario.
Nos nove meses de vida que tivo, antes do seu final en xullo de 1936, o Seminario amosou una inusitada actividade. Hoxe en día, na biblioteca da nosa facultade pódense consultar as oito obras que nel se publicaron. Porén todas as ideas e proxectos que tiña en mente Rodríguez Sanz, coma a creación do Instituto Xurídico Matemático ou mesmo o Instituto de Química, non se puideron levar a cabo.
Rematada a Guerra Civil e falecidos Rodríguez Sanz e o padre Cepeda, o claustro de profesores de Matemáticas reducíase a Rafael Pavón, profesor auxiliar, e Arbalza Basoa, aínda que este último era especialista en Física e Meteoroloxía. Foi nestas circunstancias cando definitivamente Ramón María Aller aceptou incorporase á docencia da Alma Máter para facerse cargo das materias de Análise Matemática e Xeometría Analítica nos cursos intensivos que comezaron en 1939. Aos poucos, grazas ás xestións do catedrático de instituto Enrique Vidal Abascal, discípulo e amigo do padre Aller, o Observatorio Astronómico de Lalín trasladouse a Compostela e, no ano 1945, Vidal, tentando resucitar o espírito do Seminario Matemático, creou no Observatorio a Sección de Astronomía Teórica e Matemática Durán Loriga.
De novo os matemáticos galegos tiñan un referente que servía como polo de atracción en torno ás figuras de Aller e Vidal, e os seus resultados foron altamente satisfactorios. Así o demostra o gran número de publicacións realizadas maioritariamente por Vidal Abascal e o catedrático de instituto Eduardo García-Rodeja, pero tamén por outros coma o propio Ramón María Aller, Antonia Ferrín Moreiras, Rafael Cid, Jesús Costa, Juan Antonio Zaera etc.
O plan de estudios do 1943 produciu outro retroceso nas matemáticas, que ficaron relegadas aos dous primeiros cursos de Química, pero coa nota positiva das incorporacións de Vidal Abascal como encargado de cátedra e da licenciada Antonia Ferrín Moreiras como axudante.
As acertadas xestións de Vidal Abascal, apoiadas por Aller Ulloa (catedrático de Astronomía) e Ferrín Moreiras, levaron, co esforzo dos tres, a que a Sección Durán Loriga fose o berce do que sería a Sección de Matemáticas na Facultade de Ciencias. Foi no curso académico 1957-1958 cando se iniciou a licenciatura de Matemáticas, cun reducido claustro de profesores pero cun grande entusiasmo e a seguridade de que o que se estaba a facer ía ter importantes resultados no futuro, como así foi.
En 1962 inaugurouse o edificio da Facultade de Ciencias (hoxe Facultade de Química), e alí se trasladou tamén a Sección de Matemáticas, constituída finalmente como facultade en 1977, sendo o profesor Enrique Vidal Abascal o seu primeiro decano.
Cómpre salientar que as/os primeiras/os licenciadas/os en Matemáticas pola USC (curso 1962-63) foron: María Paz Bujanda, María Jesús Cordón López, María del Carmen del Río Vázquez, María Dolores Prada Vicente, Lidia Rodríguez e José Manuel Amor Bouza.
Así mesmo, en 1963, Antonia Ferrín Moreiras, baixo a dirección de Ramón María Aller, converteuse na primeira doutora en Matemáticas da USC, ao tempo que o profesor Vidal promoveu e organizou en Santiago o primeiro Congreso Internacional de Matemáticas en España.
A facultade trasladouse en 1983 á súa actual sede.
No curso 2017-18 cumpríronse 60 anos da creación dos estudos de Matemáticas e 40 de Matemáticas como facultade da USC.