Tomando como referencia a política de calidade da USC (enmarcada dentro do seu plan estratéxico), a Facultade elabora a súa política marcando como principal obxectivo o desenvolvemento de programas formativos que estean avalados por unha xestión eficaz dos seus recursos, tanto materiais como humanos, compartindo coñecementos e experiencias para sustentar a mellora continua como elemento clave e estratéxico, establecendo un compromiso firme de máxima eficiencia cos seus grupos de interese.
A Facultade de Matemáticas dirixe os seus esforzos a identificar e satisfacer as necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese, e en especial do seu alumnado, poñendo ao seu dispor os recursos técnicos, económicos e humanos cos que conta; sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo. Con tal obxectivo, a Facultade de Matemáticas fomentará a organización e a participación dos seus membros en distintas actividades que permitan mellorar e ampliar as competencias do seu alumnado e xerar e potenciar unha contorna colaborativa no seo da Facultade, da Universidade e coa sociedade en xeral.
Por todo iso, a Facultade de Matemáticas adquire o firme compromiso de garantir a calidade, e establece a súa política baixo estes principios e obxectivos:
- Responsabilidade: proporcionar unha formación dirixida á excelencia garantindo unha oferta académica acorde coas necesidades e expectativas dos seus grupos de interese e da sociedade en xeral.
- Integración, participación e igualdade: a Facultade de Matemáticas establece como un dos obxectivos clave da súa política que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas e que todos participen no desenvolvemento da Facultade a través das vías establecidas garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.
- Orientación ao alumnado: este centro garante en todos os seus programas formativos a orientación ao alumnado, entendendo que é o principal receptor.
- Excelencia: o traballo desta Facultade realízase tendo como meta alcanzar a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as principais escolas e facultades recoñecidas.
- Transparencia: esta Facultade basea a xestión do seu programa formativo na transparencia nos seus resultados e a súa difusión cara aos seus grupos de interese.