O Traballo Fin de Grao (TFG) consistirá na elaboración dun proxecto, traballo, memoria ou estudo orixinal cunha carga lectiva de 12 ECTS no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridas durante os estudos realizados na titulación de Grao en Matemáticas. Incluirá, como mínimo, tarefas de procura e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de resultados relevantes, redacción, presentación e defensa do traballo. Os TFGs estarán orientados á avaliación das competencias asociadas á titulación como: comunicar, tanto por escrito como de forma oral, coñecementos, procedementos, resultados e ideas en Matemáticas tanto a un público especializado como non especializado; ou estudar e aprender de forma autónoma novos coñecementos e técnicas das diferentes ramas das Matemáticas.
O TFG será realizado por cada estudante de forma individual baixo a supervisión dun/a titor/a académico/a e un/a cotutor/a, de ser o caso. Ademais, os TFG poderán desenvolverse no marco de convenios con empresas ou institucións.
Para poder formalizar a matrícula do TFG, o estudantado deberá reunir os requisitos que estableza a USC. Así mesmo, a normativa de Traballos Fin de Grao da Facultade de Matemáticas recolle que existe un dobre procedemento para a oferta de TFG:
- Oferta ordinaria por parte da Comisión de Título.
- Oferta propiciada a proposta dun proxecto acordado entre estudante e titor/a e cotutor/a, de ser o caso. Neste caso, a asignación ao/a estudante estará condicionada a que cumpran os requisitos de matrícula no momento de facela definitiva.
No momento da presentación do traballo, o/a estudante deberá cumprir cos requisitos indicados na normativa correspondente da USC https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/normativa
Toda a información actual sobre o Traballo Fin de Grao está dispoñible na ligazón:
https://www.usc.gal/gl/centro/facultade-matematicas/tfg