Ir o contido principal

Historia

No ano 1964 aprobouse o primeiro plano de estudos en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, cando aínda non existía a Facultade de Bioloxía, desenvolvéndose dito plan na Facultade de Ciencias.

En 1966 comezan a impartirse ditos estudos ao tempo que se crea a Sección de Ciencias Biolóxicas. Por eses tempos a licenciatura impartíase na Facultade de Ciencias (edificio ocupado na actualidade pola Facultade de Química). En 1972, coa inauguración da Facultade de Farmacia, a Sección de Ciencias Biolóxicas, aínda pertencente á Facultade de Ciencias, trasládase a dita Facultade. Foi en 1977 cando, ao amparo do Decreto 1975/1973 de 26 de xullo, se autoriza a reestruturación da Facultade de Ciencias, dividíndose na Facultade de Matemáticas, Facultade de Química e Facultade de Bioloxía (OM de 14 de outubro/BOE/11-XI-77).  

A orde ministerial facía referencia ao mantemento da situación física (Facultade de Farmacia no caso da Facultade de Bioloxía) mentres non se tivera un novo edificio para cada unha das novas titulacións. Así, en 1982, coa construción do edificio da actual Facultade de Bioloxía, esta trasladouse a actual localización. 

Chegados ao século XXI estimouse oportuno a ampliación da Facultade e a reforma integral do edificio inicial. Deste xeito, constrúese un novo edificio de investigación chamado CIBUS (Centro de Investigacións Biolóxicas da USC), vinculado parcialmente á Facultade de Bioloxía e sen ter o carácter de centro singular de investigación, a diferencia doutros da nosa universidade (CIMUS, CITIUS, CIQUS, etc.). Este novo edificio localízase ao carón da Facultade de Bioloxía, no Campus Vida. En 2008 os membros de catro areas de coñecemento (Bioloxía Celular, Xenética, Microbioloxía e Bioquímica e Bioloxía Molecular) trasládanse de forma definitiva a ditas instalacións. Nese momento comezaron as obras de reforma da Facultade de Bioloxía, onde se albergan o resto das áreas de coñecemento, que deron remate en 2013. Nestes edificios, ademais das aulas, laboratorios e biblioteca, ofrécense espazos de encontro como os locais das asociacións de estudantes, salas polivalentes, salón de graos, salas de conferencias, salón de actos e cafetería. Dispón doutras importantes instalacións para a investigación e docencia como son os invernadoiros e o acuario. Deste xeito constitúese unha contorna na que se promove a formación universitaria integral.

Na actualidade, o centro persegue a formación integral do seu alumnado, dende o respecto aos principios éticos, para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos, así como a actividade creadora en todos os seus campos, e busca da actualización continuada dos coñecementos. 

A Facultade de Bioloxía ofrece unha oferta formativa de grao e posgrao enmarcada nas directrices do Espazo Europeo de Educación Superior e orientada a satisfacer as necesidades da demanda social. As súas funcións atópanse recollidas no artigo 51 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e no artigo 5º do Regulamento de Réxime Interno. A nomeada oferta formativa inclúe a docencia de dous títulos de Grao: Grao en Bioloxía e Grao en Biotecnoloxía, así como dun Dobre Grao en Química e Bioloxía (compartindo a súa docencia coa Facultade de Química). Ao tempo impártense catro títulos de máster, todos eles interuniversitarios (coa Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña), tres no ámbito das ciencias (Máster en Acuicultura, Máster en Bioloxía Mariña e Máster en Biodiversidade Terrestre: caracterización, conservación e xestión) e outro no eido das Ciencias da Saúde (Máster en Neurociencia). Todos estes másteres, coa excepción do Máster en Bioloxía Mariña, están coordinados pola USC dende a Facultade de Bioloxía.

A Facultade é na actualidade a sede de catro departamentos (que comprenden docentes de nove áreas de coñecemento) como son o de Bioloxía Funcional (coas áreas de Bioloxía Celular, Ecoloxía e Fisioloxía Vexetal), Botánica (área de Botánica), Edafoloxía e Química Agrícola (área de Edafoloxía e Química Agrícola), e Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física (coas áreas de Antropoloxía Física, Xenética e Zooloxía). O persoal trasladado ao CIBUS pertence ás áreas de coñecemento de Bioloxía Celular, Xenética, Microbioloxía e Bioquímica e Bioloxía Molecular (estas últimas dúas non teñen a súa sede nas instalacións da Facultade de Bioloxía). O resto de áreas pertencentes aos departamentos con sede na Facultade de Bioloxía, xunto con membros da área de Fisioloxía, ocupan espazos no edificio da Facultade de Bioloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2022.