Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Historia

As orixes da EPS de Enxeñaría comezan en Lugo coa Escola Técnica de Peritos Agrícolas, creada no ano 1963.

A partir deste centro, orientado inicialmente a dotar dun corpo técnico que permitise a modernización da economía galega, prodúcese unha evolución paralela as necesidades da sociedade, hasta chegar a unha moderna Escola de Enxeñaría cunha actividade docente e investigadora no ámbito da xestión do recurso Terra.

EUITA

A primeira titulación impartida foi a de Enxeñeiro Técnico Agrícola, na especialidade de Explotacións Agropecuarias, e as primeiras promocións desempeñaron o seu labor maioritariamente nas delegacións provinciais do ministerio de Agricultura, no Catastro, e nos servizos de Extensión Agraria.

A Escola de Enxeñaría Técnica Agrícola foi ademais o xermolo do Campus Universitario de Lugo creado pola Ley General de Educación y Financiación de la Reforma Educativa, de 4 de agosto de 1970, na que se contemplaba a incorporación das Escolas Técnicas de grado medio, as de Maxisterio e Comercio como Escolas Universitarias, do mesmo xeito que os Colexios Universitarios e as Escolas de Enxeñaría Técnica.

Nese momento, ademais do Colexio Universitario, só había en Lugo catro centros que se van a transformar en universitarios, pasando a depender da Universidade de Santiago en 1972. Eran a Escola Normal de Maxisterio, creada en 1842, a Escola Pericial de Comercio, creada en 1945, a Escola de Enxeñaría Técnica Agrícola, creada en 1964 e a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios nada en 1972.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría creouse co Decreto 26/1993, do 11 de febreiro, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, integrando os estudos de Enxeñaría Técnica Agrícola, que se viñan impartindo dende o ano 1967, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos, creada no ano 1989, e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes, creada no ano 1991. Posteriormente, no ano 2003, incorporáronse os estudos de Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Topografía.

No inicio do curso 1994-1995 inaugurouse o edificio da EPS da rúa Benigno Ledo que orixinalmente constaba de sete edificios independentes: catro aularios, un edificio administrativo central e dous pavillóns. No ano 1997 entrou en servizo un novo edificio, o pavillón 3, coñecido popularmente como “Ampliación”.

Posteriormente, realízase a adaptación dos títulos impartidos ao Espazo Europeo de Educación Superior e implántase o Dobre Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, a nova titulación do Grao en Robótica e o primeiro grao interuniversitario de Galicia: o Grao en Paisaxe.

Tras cinco décadas de experiencia docente e investigadora no ámbito das enxeñarías, a EPS transfórmase na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, un centro totalmente consolidado e de referencia no ámbito nacional e internacional tanto pola calidade da súa docencia como da súa investigación, sendo a premisa do centro a busca de respostas aos principais problemas que nos demanda a sociedade dende os ámbitos que nos son propios, procurando incrementar o benestar económico e social dos nosos concidadáns.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2021.