Localizábase no edificio do antigo colexio de San Xerome. A Escola Normal de Mestras creouse en Santiago, en virtude dunha Real Orde do 6 de decembro de 1930. Pouco despois, coa chegada da Segunda República, facía a súa aparición o lembrado Plan Profesional, en réxime de coeducación.
A partir de 1945, os centros pasaron a denominarse Escolas de Maxisterio: López Ferreiro a de mestres e Isabel la Católica a de mestras. En 1964 tivo lugar a reunificación. Coa chegada da Lei Xeral de Educación (1970), produciuse a integración das Escolas Normais na Universidade. Nacía, desta maneira, a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Santiago de Compostela.
No curso 1973-74 recoñecíanse as ensinanzas de Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade compostelá. Pouco despois, en 1975, creábase a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, na que se integraron as seccións de Filosofía, Pedagoxía e Psicoloxía. Da segregación da anterior Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación xurdiron novas facultades.
Polo Decreto 384/1996, do 17 de outubro (DOG do 5 de novembro), a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB no Campus de Santiago suprimíase como tal e quedaba integrada na estrutura propia de nova Facultade de Ciencias da Educación. Continuou, porén, ata a actualidade a problemática desde o punto de vista físico: Campus Norte para os títulos de mestre/a e Campus Sur para o resto das titulacións.
A integración nun edificio único, que supere as limitacións actuais, preséntase como un reto importante para a impartición dos novos graos.