O Máster Interuniversitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a Educación Infantil e Primaria ofértase nas universidades de A Coruña (campus de A Coruña), Santiago (campus de Santiago de Compostela) e Vigo (Campus de Pontevedra). Ten unha duración dun ano académico cunha carga de 60 créditos ECTS e o bloque de materias obrigatorias abórdase desde unha perspectiva interdisciplinar e cun enfoque globalizador. A estrutura do máster, que incorpora nove áreas disciplinares, obriga a realizar un esforzo integrador para presentar unha proposta coherente e cohesionada. Este esforzo é notable en tres das materias obrigatorias (O entorno como recurso educativo; Análise de experiencias interdisciplinares; Deseño de proxectos interdisciplinares). Nelas abórdanse os proxectos interdisciplinares intentando dar resposta a esta necesidade, ofrecendo un marco conceptual da interdisciplinariedade, analizando experiencias e boas prácticas realizadas baixo este enfoque e guiando finalmente o alumnado no deseño dunha proposta multidisciplinar que reúna as súas inquietudes personais, a súa formación inicial e as características do contexto da práctica profesional.
Vinculada a esta vertente profesionalizadora, unha das funcións clave deste máster é propiciar a creación de novos coñecementos a través da investigación e da innovación sobre a acción educativa nas didácticas específicas. É indiscutible que os novos escenarios sociais e profesionais reclaman a necesidade de formar docentes que logren estimular o pensamento crítico, a ética e a creatividade a través de procesos e proxectos de innovación en contextos reais.
Tamén é necesario capacitar os docentes no manexo das ferramentas metodolóxicas e os diferentes enfoques de investigación en didácticas específicas, comprendendo as súas especificidades e problemáticas, coa intención de transformar a educación sobre a base da innovación e da investigación. Por isto ponse especial énfase na relación entre investigación e innovación, conceptos vinculados estreitamente, posto que o avance teórico, práctico e metodolóxico das liñas de investigación actuais en cada unha das didácticas específicas, proxéctase e defínese a través dos procesos de mellora implementados nos contextos profesionais.
Este Máster aposta claramente pola innovación educativa, e oriéntase cara a mellora e especialización da formación no ámbito das didácticas específicas e contempla os seus puntos de coincidencia nun marco interdisciplinar que non pode obviar o contacto directo coa realidade educativa. A análise de concepcións didácticas innovadoras, a resolución de problemas concretos de investigación, etc., constitúen unha tarefa formativa que só se pode realizar a través das prácticas externas en centros escolares vinculados directamente con nós, e de aí que tales prácticas teñan a consideración de materia obrigatoria no plan de estudos.
Doutra banda, o Traballo Fin de Máster constitúe unha oportunidade para que o alumnado reflexione sobre as aprendizaxes acadadas nas distintas materias e aplique tales coñecementos a problemáticas específicas. Por tal motivo, o Traballo Fin de Máster e as Prácticas externas vincúlanse ambas as dúas, de tal forma que o alumnado poida relacionar a teoría con problemas educativos reais, aspecto este que resulta inevitable para que a formación docente especializada resulte de calidade e permita a innovación e a mellora da calidade educativa real.