Ir o contido principal

Política e Obxectivos de Calidade do Centro

A Facultade de Ciencias da Educación, a través do seu Sistema de Garantía de Calidade, busca a mellora continua do centro para garantir que os programas formativos dean resposta ás demandas de excelencia.
Tomando como referencia a política de calidade da USC, a Facultade de Ciencias da Educación, elabora a súa política en liña cos obxectivos estratéxicos definidos no seu Plan estratéxico (aprobado pola Comisión de Calidade e Planificación delegada do Consello de Goberno o 03/03/2021), dirixidos ao desenvolvemento de programas formativos que estean avalados por unha xestión de calidade, xa que ese é o elemento fundamental para establecer un compromiso de máxima eficacia cos nosos grupos de interese.

A Facultade de Ciencias da Educación quere ser recoñecida no contexto universitario e social por desenvolver programas formativos que garantan a mellor e máis adecuada formación para os seus estudantes, que dean resposta ás demandas do mercado laboral, tecnolóxico e investigador, que garantan as condicións de desenvolvemento profesional axeitadas ao seu persoal docente, investigador e de servizos e que renda contas do investimento e optimización dos seus recursos.

A Facultade de Ciencias da Educación dirixe os seus esforzos cara á plena consecución da satisfacción das necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese e co fin de satisfacelos, comprométese a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos á súa disposición; sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo.

Por todo iso, a Facultade de Ciencias da Educación adquire o firme compromiso de garantir a calidade nesta e establece a súa política baixo estes principios:

Responsabilidade: proporcionar unha formación dirixida cara á excelencia garantindo unha oferta académica acorde coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade en xeral.

Integración, participación e igualdade: esta facultade establece como un dos principios claves da súa política que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas e que todos participen no desenvolvemento da Facultade de Ciencias da Educación a través das vías establecidas para iso garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.

Orientación ao alumnado: este centro garante no seu programa formativo a orientación ao alumnado entendendo que é o principal receptor deste.

Excelencia: o traballo desta Facultade realízase tendo como meta alcanzar a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as principais Escolas e Facultades recoñecidas.

Transparencia: Esta Facultade basea a xestión do seu programa formativo na transparencia nos seus resultados e na difusión destes aos seus grupos de interese.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2022.