Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Grao en Intelixencia Artificial

  • Nova oferta
Modalidade
Presencial
Rama de coñecemento
Enxeñaría e Arquitectura
Ámbito de coñecemento
Ingeniería informática y de sistemas.
Centro(s)
Escola Técnica Superior de Enxeñaría
Rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n, 15782
Santiago de Compostela
etse.secredireccion@usc.gal
Campus
Santiago de Compostela
Grao Intelixencia Artificial

O título de Graduado/a en Intelixencia Artificial proporciona a formación ampla, profunda e multidisciplinar que precisan os e as profesionais deste ámbito e que resulta imprescindible para construír con éxito os servizos e aplicacións intelixentes que están a ter un impacto tan importante nas nosas vidas a todos os niveis.

  • Duración: 4 anos académicos
    Código RUCT: 2504532
    Número prazas: 50

    Decano/a ou director/a do centro:
    JULIA GONZALEZ ALVAREZ
    julia.gonzalez@usc.es

    Coordinador-a do título:
    Alberto Jose Bugarin Diz
    alberto.bugarin.diz@usc.es

    Linguas de uso:
    Castelán, Galego

    Nivel MECES: 2

    Universidade coordinadora:
    Universidade de Santiago de Compostela

    Universidade(s) participante(s):
    Universidade de Santiago de Compostela Universidade da Coruña Universidade de Vigo

    Data da autorización de implantación do título pola Xunta de Galicia:
    Orde do 27/07/2022 (DOG do 10/08/2022)

    Data de publicación no BOE:
    BOE do 26/04/2023

    Data da última acreditación:
    27/06/2022

    Trátase dunha titulación interuniversitaria de catro cursos (240 ECTS), coordinada pola USC, na que as materias dos dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades. En terceiro e cuarto, na USC desenvolvemos a orientación en Tecnoloxías Intelixentes. 

    A orientación en TECNOLOXÍAS INTELIXENTES é multidisciplinar, e integra elementos propios de:

    -   tecnoloxías da información de vangarda: Internet das cousas, a computación de altas prestacións ou a computación na nube, ...

    -   modelos da intelixencia artificial

    -   modelos naturais de intelixencia e de comportamento (en particular os humanos) procedentes da neurociencia, a psicoloxía ou a lóxica.

    O impacto da IA está a ser tan grande, que non hai ningún ámbito social nin económico que lle sexa alleo, polo que na formación dunha graduada ou graduado en IA debe ter unha boa base xurídica, ética e socioeconómica. Finalmente, moitas das oportunidades e modelos de negocio baseados na IA están por desenvolverse, polo que é moi importante que os futuros especialistas en IA teñan tamén unha formación orientada ao emprendemento. Por que non crear a túa propia empresa? Nós axudarémosche a facelo se esa é a túa ambición.

    A orientación en TECNOLOXÍAS INTELIXENTES inclúe o módulo profesional, cunha duración dun cuadrimestre completo, no que ides realizar proxectos integradores de varias disciplinas, resolver retos propostos por entidades e empresas externas, desenvolver habilidades de comunicación e interpersoais, definir proxectos de emprendemento e tamén dobrar a duración das prácticas profesionais externas en empresas obrigatorias.

     

     

  • O título estrutúrase de forma que os contidos dos dous primeiros cursos son comúns ás tres universidades e nos dous últimos cursos cada universidade desenvolve un itinerario propio que inclúe unha serie de optativas vinculadas:

    Itinerario USC: Tecnoloxías Intelixentes

    Este itinerario confórmase con 120 créditos diferenciados en 3º e 4º curso, dos cales 114 créditos son optativos vinculados ao itinerario (OPV) e o alumnado terá que cursar 6 créditos optativos (OP) adicionais para os que poderá optar por ampliar as prácticas externas ou elixir a optatividade aberta

    Itinerario UDC: Sociedade e Empresa Intelixentes

    Neste itinerario o alumnado deberá cursar 120 créditos repartidos entre 3º e 4º curso, a razón de 106,5 créditos optativos vinculados ao propio itinerario (OPV) e 13,5 créditos optativos (OP). No cuarto curso do itinerario ofértanse dúas modalidades: un módulo transversal de formación académica e un módulo transversal de formación dual. A formación dual contempla a adquisición dunha serie de competencias através da formación directa en empresas, en coordinación coa universidade e cun seguimento personalizado por parte de dous titores: o académico e o empresarial. O alumnado matriculado en formación dual cursará 48 de 60 créditos ECTS na empresa, incluíndo todos os créditos optativos nunha materia de Prácticas Externas II. O alumnado matriculado en formación académica terá que elixir 3 materias optativas entre unha oferta de 9 materias.

    Itinerario UVIGO: Sistemas de Información Intelixentes

    Este itinerario confórmase con 120 créditos diferenciados en 3º e 4º curso, dos cales 108 créditos son optativos vinculados ao itinerario (OPV) e o alumnado terá que elixir 12 créditos optativos (OP) (2 materias) de entre unha oferta anual de 4 materias.

  • A ETSE conta con espazos de docencia no Campus Vida da USC, no propio edificio da ETSE, no Monte da Condesa e no Aulario de IA, ubicado no Edificio Emprendia. A docencia expositiva e interactiva do GrIA impártese na súa totalidade neste último Edificio, ubicado na zona da Cidade da Saúde, moi próximo ao edificio principal da ETSE. O modelo de docencia interactiva realízase en espazos versátiles nos que o estudantado traballa co seu propio equipo portátil. Adicionalmente, a ETSE dispón doutros servizos como a Biblioteca, o Salón de Actos e aulas e zonas de traballo de acceso libre tanto para traballo autónomo individual como en grupo.

  • O Grao en Intelixencia Artificial (GrIA) fai fronte ao reto de formar profesionais con capacidades, coñecementos e habilidades que lles permitan crear novas aplicacións ou servizos intelixentes ou achegar innovacións valiosas co uso adecuado, profesional e responsábel da intelixencia artificial.

  • Mobilidade

    A movilidad de estudantes realízase a partir do segundo ano de estudos da titulación, en períodos cuadrimestrais ou anuais. A selección de candidatos lévase a cabo, para cada convocatoria ou programa, segundo a normativa de cada universidade. Na USC, está composta pola persoa do equipo directivo responsábel de programas de intercambio, o/a responsábel da UAGCD e as persoas que actúan como coordinadores/as académicos/as, de acordo con criterios de puntuación, previamente estabelecidos, que teñen en conta o expediente académico, unha memoria e, de ser o caso, as competencias en idiomas que esixe a universidade de destino.

    A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa):

    Portal Internacional

    Prácticas

    O Plan de Estudos do Grao en Intelixencia Artificial inclúe o recoñecemento de 6 créditos obrigatorios por realización de prácticas externas, que suporán un total de 150h de traballo presencial na organización que oferta as prácticas.

    A ETSE conta con experiencia de organización e xestión directa destas prácticas, coordinadas a través das respectivas Comisións de Título. O programa de prácticas externas ten un/a coordinador/a para cada título que é responsábel de dinamizar a oferta, supervisar a selección e garantir o seu correcto funcionamento. Os/as coordinadores/as son asistidos/as por un equipo de titores/as que actúan como interlocutores máis directos coas entidades externas e axudan aos/as estudantes no que é necesario durante a realización das prácticas.

    Para a realización das prácticas, o/a estudante deberá ter un/a titor/a externo/a en a empresa e un/a titor/a académico/a responsábel de fixar, en coordinación co/a titor/a externo/a, o programa de prácticas de cada estudante en función das características do traballo a desenvolver, realizar o seguimiento e orientación do/a estudante durante a realización das prácticas e a avaliación do/a estudante, en función da memoria de prácticas que este debe entregar e do informe emitido polo/a titor/a externo/a.

    O itinerario da USC tamén contempla unha materia de prácticas externas de 6 ECTS que o alumno poderá elixir en concepto de créditos optativos libres da titulación.

  • O obxectivo do Traballo de Fin de Grao será a realización por parte do alumnado dun traballo orixinal onde se poida verificar a adquisición das destrezas e competencias descritas con anterioridade nos obxectivos xerais do título de Grao, xunto a destrezas específicas de orientación académica, investigadora ou profesional.

    En función da tipoloxía do traballo, as actividades a desenvolver poderán consistir na realización dunha serie de etapas, entre as que se inclúen: estudo bibliográfico, definición de obxectivos, planificación, análises de alternativas científico- tecnolóxicas, deseño e implementación de solucións, validación e probas, documentación, comunicación de resultados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2025.