Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

Traballos presentados

A importancia das Cadeas Globais de Valor desde a óptica da industria electrónica
Autoría
X.R.N.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Neste traballo centrarémonos nas cadeas de valor, que serán o punto de partida desde o que intentaremos explicar o fenómeno da globalización e as recentes tendencias de sustentabilidade engadidas ao proceso produtivo co fin de acadar un mundo máis limpo. En concreto, optamos por enfocar o traballo nas cadeas de valor dirixidas cara á industria electrónica, xa que, xunto coa automoción, a enerxía ou a alimentación, é unha das que máis peso e importancia ten na economía. Ademais, dentro destas e en xeral, decantámonos por este sector porque nos parece o máis interesante dada a súa relevancia nas últimas décadas, onde un sector electrónico potente é sinónimo de poder. Tamén afondaremos naquelas rexións que soportan o aspecto máis negativo destes procesos produtivos, tendo que lidar coas múltiples externalidades negativas da actividade. En resumo, o obxectivo deste traballo é investigar e aprender sobre os aspectos máis xerais das cadeas globais de valor e afondar na súa incidencia na industria electrónica, para contribuír a unha mellor comprensión da complexidade técnico-organizativa e das implicacións medioambientais dos procesos que hai detrás da fabricación de produtos electrónicos (ordenador, móbil, etc.). Todo isto, abordándoo desde un punto de vista sistémico, obxectivo e actual.
Dirección
RODIL MARZABAL, OSCAR (Titoría)
Tribunal
RODIL MARZABAL, OSCAR (Titor do alumno)
A economía social, os centros especiais de emprego sin ánimo de lucro.
Autoría
A.T.C.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
O traballo analiza a economía social (ES) e os centros especiais de emprego (CEE) sen ánimo de lucro en Galicia. A ES baséase en valores de solidariedade e xestión democrática, e creceu como un sector clave na xeración de emprego. Os CEE facilitan a inserción laboral de persoas con discapacidade, promovendo a estabilidade e a inclusión. Porén, enfróntanse a desafíos como a redución do financiamento, a fenda salarial e a adaptación ás novas tecnoloxías. A pesar das dificultades, a ES segue sendo unha ferramenta clave para o desenvolvemento sostible, con oportunidades en sectores emerxentes.
Dirección
EXPOSITO DIAZ, PILAR (Titoría)
Tribunal
EXPOSITO DIAZ, PILAR (Titor do alumno)
Ecoloxía e conflitos ambientais: o papel do Ecoloxismo dos pobres e do Ecofeminismo
Autoría
L.P.G.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Este estudo analiza o movemento ecoloxista, definíndoo e contextualizando a súa base histórica, ao tempo que o desvincula de erróneas concepcións. Estudaremos tamén as súas principais correntes antes de centrarnos en dúas vertentes fundamentais. Estas vertentes poñen en punto de mira a defensa das comunidades e actores máis vulnerables: O ecoloxismo dos pobres e o ecofeminismo. Ambos denuncian e poñen en evidencia as desigualdades territoriais e de xénero, evidenciando como os impactos ambientais, causados polo sistema económico actual, afectan desproporcionadamente no Sur Global e nas mulleres.
Dirección
MUÑOZ ABELEDO, LUISA MARIA (Titoría)
Tribunal
MUÑOZ ABELEDO, LUISA MARIA (Titor do alumno)
O Proxecto EeMap no contexto da Axenda Urbana Española: Financiación verde para unha vivenda sustentable
Autoría
Y.D.D.P.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
A vivenda sostible ocupa un lugar central nas políticas de desenvolvemento urbano contemporánea, especialmente en España, onde as tensións entre a demanda de vivenda e a eficiencia enerxética do parque de vivendas supoñen retos críticos. Este traballo explora como a Axenda Urbana Española (AUE) artella un enfoque estratéxico para afrontar os retos da vivenda sostible, integrando diversas ferramentas e actores clave. Aquí preséntase como elemento central o Proxecto EeMap (Plan de Acción de Hipotecas Eficientes Enerxéticas), pensado para impulsar o financiamento verde mediante o desenvolvemento e promoción de hipotecas orientadas á eficiencia enerxética. A análise céntrase no potencial transformador das hipotecas verdes, deseñadas para facilitar o acceso a vivendas eficientes enerxéticamente mediante incentivos financeiros específicos. Mediante unha revisión da súa implantación en España, analízanse os seus beneficios ambientais e económicos, xunto coas limitacións que dificultan a súa adopción masiva, como a falta de harmonización normativa e a percepción de elevados custos iniciais. Como veremos, para maximizar o potencial das hipotecas verdes requírese un entorno propicio onde se xunten políticas públicas eficaces, incentivos financeiros e colaboración intersectorial. Neste sentido, o financiamento verde pode xogar un papel decisivo na transformación do sector residencial, favorecendo a creación de cidades sostibles, inclusivas e adaptadas aos retos ambientais e sociais do futuro. Conseguir avances neste ámbito transcende o ámbito nacional e está aliñado cos compromisos internacionais asumidos para protexer o equilibrio ecolóxico do planeta.
Dirección
CADAVAL SAMPEDRO, MARIA (Titoría)
Tribunal
CADAVAL SAMPEDRO, MARIA (Titor do alumno)
O Camino Portugués e a súa variante costeira: Un Análise de Elección entre Peregrinos
Autoría
F.J.A.L.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Este traballo ten como obxectivo realizar unha análise exploratoria da toma de decisións dos peregrinos nas variantes portuguesas do Camiño de Santiago. Para iso, empréganse diversas ferramentas estatísticas que proporcionan unha perspectiva máis empírica da realidade do camiño. O estudo baséase en datos de peregrinos que percorreron estas rutas no ano 2023, co fin de examinar os diferentes factores que inflúen na súa decisión. En primeiro lugar, contextualízase a relevancia do Camiño Portugués tradicional e da ruta da Costa, seguida dunha breve exposición da metodoloxía empregada e da definición das variables utilizadas. Posteriormente, aplícanse dous enfoques estatísticos para identificar tendencias e relacións significativas. Finalmente, analízanse e compáranse os resultados obtidos, xunto cunha reflexión sobre as limitacións do estudo e posibles melloras. Este traballo consta de 8.095 palabras.
Dirección
NEIRA GOMEZ, MARIA ISABEL (Titoría)
Tribunal
NEIRA GOMEZ, MARIA ISABEL (Titor do alumno)
Da crise de 2008 a policrise posterior a 2020
Autoría
J.L.B.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
Este traballo analiza a evolución da crise financeira que comeza a finais de 2007 co estalido da burbulla inmobiliaria en Estados Unidos e fai unha pequena reflexión sobre a policrise posterior a 2020, con enfoques económicos, sociais e políticos. Comezamos contextualizando o panorama económico global anterior a 2008, marcado por procesos de financiarización e desigualdades estruturais que remataron en crise. Analizamos as causas da crise así como as súas consecuencias e as respostas dun grupo de países: España, China, Estados Unidos, Alemaña e Grecia. A segunda parte do traballo céntrase na análise de datos para clarificar as consecuencias desta crise mediante o PIB, a débeda pública, a balanza comercial, a taxa de desemprego e o prezo da vivenda. A través disto, observamos as diferentes políticas económicas que levaron a cabo os diferentes países. Nas conclusións, explicamos como a crise de 2008, sumada á crise da débeda soberana, non só produce un estancamento na economía, senón que tamén acaba por afectar á crise da Covid-19 e á crise enerxética posterior.
Dirección
DIOS VICENTE, ADRIAN (Titoría)
Tribunal
DIOS VICENTE, ADRIAN (Titor do alumno)
Deseñando un experimento: Como afectan as diferenzas de xénero nos factores psicolóxicos ás preferencias polos atributos laborais.
Autoría
O.V.I.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 12:45
Resumo
Este traballo ten como obxectivo analizar como afectan as diferenzas de xénero nos factores psicolóxicos ás preferencias polos atributos laborais. Con esta investigación preténdese analizar se estas diferenzas de xénero nos factores psicolóxicos explican, polo menos en parte, a fenda salarial. Con ese obxectivo, tomarase como base o estudo Preference for the Workplace, Investment in Human Capital, and Gender do ano 2016 de Wiswall e Zafar, co fin de deseñar un experimento que poderá ser realizado no futuro entre o alumnado universitario da Universidade de Santiago de Compostela. Este experimento servirá para contrastar e verificar os resultados do estudo de Wiswall e Zafar. A gran maioría dos estudos actuais que tratan de investigar as diferenzas de xénero nos factores psicolóxicos chegan á evidencia de que atributos como a aversión ao risco ou a fuxida da competencia son trazos que perpetúan a fenda salarial de xénero, obrigando ás mulleres a escoller entornos laborais máis tranquilas que lles permitan unha conciliación familiar. Finalmente, propoñeremos algunhas medidas que poderían implantarse para afrontar a fenda salarial de xénero en función dos resultados que se obteñan no futuro nesta investigación. A extensión deste traballo é de 8.825 palabras.
Dirección
LORES INSUA, FRANCISCO XAVIER (Titoría)
Tribunal
AGUAYO LORENZO, EVA MARIA (Presidente/a)
PENA BOQUETE, YOLANDA (Secretario/a)
ESPERANTE PARAMOS, BRUNO (Vogal)
Análise das vivendas de uso turístico en Santiago de Compostela
Autoría
M.A.B.R.
Grao en Economía
Data da defensa
19.02.2025 13:00
Resumo
As vivendas de uso turístico ocupan un lugar destacado nas primeiras páxinas dos xornais e no debate público nos últimos anos. A crecente popularidade convertéronos como unha opción de aloxamento preferida para millóns de persoas. Este fenómeno non está exento de polémica, xa que a súa expansión xerou unha gran variedade de efectos nas cidades. Este traballo de fin de grao céntrase na análise e a evolución recente do turismo en España e, en particular, en Galicia, a través do estudo da vivenda de uso turístico. A análise céntrase en Santiago de Compostela, cidade declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e destacado punto de interese internacional que atrae cada ano un gran número de turistas. Ao longo do traballo se estudará a evolución das vivendas de uso turístico na capital galega, así como os distintos efectos que este tipo de aloxamentos ten na cidade. Tras presentar e debater os aspectos máis relevantes do fenómeno, o traballo concluirá cunha serie de reflexións finais que sintetizan os principais resultados e propuestas para unha futuras liñas de investigación.
Dirección
PEREIRA LOPEZ, XESUS (Titoría)
Tribunal
PEREIRA LOPEZ, XESUS (Titor do alumno)