A medida que o número de alumnos aumentaba, fóronse creando como centros independentes a Facultade de Bioloxía, a Facultade de Matemáticas e a Facultade de Física, e en 1974 créase como tal a Facultade de Química.
Nestes anos impartíase a Licenciatura en Química, que tiña dúas especialidades: a de Química Fundamental e a de Química Industrial.
Posteriormente, coa reforma dos plans de estudos do ano 1994, a titulación dividiuse en dúas: a licenciatura en Química e a de Enxeñaría Química. Ambas titulacións impartíronse no centro ata o ano 2003, no que se crea a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, á que se trasladan os estudos de Enxeñaría Química.
Actualmente, na Facultade de Química impártense os estudos do Grao en Química, Bachelor’s Degree in Chemistry, así como dous Dobres Graos, o de Química e Bioloxía e o de Física e Química. Por outra banda, impártense os seguintes estudos de posgrao: Máster de Investigación en Química e Química Industrial, Máster de Química Orgánica, Máster de Química Teórica e Modelización Computacional (todos eles de carácter interuniversitario) e o Máster de Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais. En relación aos estudos de terceiro ciclo, conta co Programa de Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Química.
Ademais da docencia, os profesores da Facultade de Química desenvolven unha ampla e relevante actividade investigadora. Algúns grupos de investigación traballan na mesma Facultade, e outros, en diversos centros de investigación tales como o Centro de Investigación en Química e Materiais Moleculares (CIQUS), o Instituto de Tecnoloxías Ambientais (iCRETUS), o Instituto de Análisis Químicos e Biolóxicos (IAQBUS) ou a Agrupación Estratéxica de Materiais (AEMAT).