Ir o contido principal

Política de calidade

A Facultade de Farmacia é consciente da importancia que ten a calidade no contexto universitario para garantir programas formativos que den resposta ás demandas de excelencia no contexto universitario.

Tomando como referencia a política de calidade da USC (enmarcada dentro do despregamento do seu plan estratéxico) a Facultade de Farmacia elabora a súa política marcando como principal obxectivo desta o desenvolvemento de programas formativos que estean avalados por unha xestión de calidade como elemento clave e estratéxico para establecer un compromiso de máxima eficacia cos nosos grupos de interese.

Misión

A Facultade de Farmacia ten como misión contribuír á formación integral e de calidade de profesionais de recoñecida calidade e prestixio, comprometidos coa saúde e benestar das persoas, nunha contorna académica que promova a xeración e aplicación de coñecementos baixo principios éticos de igualdade de xénero e de sustentabilidade.

Visión

A Facultade de Farmacia da USC quere contribuír ao progreso da sociedade ofrecendo unha docencia de calidade e desenvolvendo unha investigación avanzada, segundo as esixencias internacionais, que dean resposta ás necesidades da sociedade, aspirando en todas as súas actividades a ser recoñecida como centro de referencia non só a nivel nacional senón tamén a nivel internacional.

Valores

Deben guiar as accións e o comportamento da Facultade de Farmacia valores como:

  • Integridade, conduta ética e transparencia en todas as nosas actuacións.

  • Rendición de contas: á Facultade, á universidade e á sociedade, que en definitiva foi a que inverteu a través do financiamento público da Universidade.

  • Compromiso cos nosos estudantes, grupos de interese e a sociedade en xeral.

  • Asegurar que se cumpran os obxectivos de todos os membros da nosa comunidade baseándonos no mérito, a igualdade e a capacidade.

  • Colaboración coa nosa contorna e cos demais centros a nivel nacional e internacional e traballo en equipo fomentando a participación de todos para acadar obxectivos comúns.

Así mesmo, a Facultade de Farmacia dirixe os seus esforzos cara á plena consecución da satisfacción das necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese e co fin de satisfacelos, comprométese a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos á súa disposición; sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables, tanto a nivel autonómico como estatal e europeo.

Por todo iso, a Facultade de Farmacia adquire o firme compromiso de garantir a calidade nesta e establece a súa política baixo estes principios:

  • Responsabilidade: proporcionar unha formación dirixida cara á excelencia garantindo unha oferta académica acorde coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade en xeral.
  • Integración, participación e igualdade: esta Facultade establece como un dos principios claves da súa política que todas as necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas e que todos participen no desenvolvemento da Facultade de Farmacia a través das vías establecidas para iso garantindo a accesibilidade, a participación e a igualdade.
  • Orientación ao alumnado: este centro garante no seu programa formativo a orientación ao alumno entendendo que é o principal receptor deste.
  • Excelencia: o traballo desta Facultade realízase tendo como meta alcanzar a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as principais Escolas e Facultades recoñecidas.
  • Transparencia: Esta Facultade basea a xestión do seu programa formativo na transparencia nos seus resultados e na difusión destes aos seus grupos de interese.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2021.