Mobilidade
Actualmente a USC e a Uvigo colaboran nos programas Sócrates-Erasmus , Erasmus Mundus e Sicue, que facilitan a mobilidade dos estudantes dentro do sistema universitario español e europeo, e tamén en diversos programas para o fomento da mobilidade dos membros da comunidade universitaria con universidades de América, Asia, Australia e Suíza.
As facultades de Farmacia da USC e de Química da Uvigo contan coa colaboración de varios profesores/as que actúan como coordinadores académicos e cuxa función é tutorizar e asistir nas súas decisións académicas aos estudantes propios e de acollida.
A selección dos candidatos lévaa a cabo, para cada convocatoria ou programa, unha comisión de selección composta polo decano ou decana, o vicedecano ou vicedecana responsábel de programas de intercambio, o/a responsábel da UAGCD (na USC) e a ORI (na Uvigo) e os/as coordinadores académicos, de acordo con criterios de baremación, previamente establecidos, que teñen en conta o expediente académico, unha memoria e, de ser o caso, as competencias en idiomas que esixe a Universidade de destino.
A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa):
Portal Internacional
Prácticas
O mestrado contempla a realización de prácticas externas (6 créditos) para o alumno tomar contacto co sector produtivo. As prácticas levaranse a cabo en empresas, organizacións públicas ou privadas, ou en centros, departamentos, institutos e grupos de investigación, en institucións que participan no mestrado ou coas que a Universidade de Santiago de Compostela ou a Universidade de Vigo teñan asinados os correspondentes acordos. Para cada alumno nomearase un titor externo pertencente ao centro ou entidade onde se realizarán as prácticas externas e un profesor titor que imparta docencia no mestrado.
Baixo a supervisión dos titores, o alumno deberá:
-Procurar a bibliografía necesaria para coñecer o estado actual do tema de traballo nas prácticas externas.
-Adecuarse aos modos de traballo do centro ou institución receptora.
-Participar activamente na actividade encomendada.
-Seleccionar as conferencias, cursos e workshops que poidan complementar a súa formación.
-Preparar a memoria final.