A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC conmemora o Día Internacional da Lingua Materna cun evento centrado na divulgación científica
O Día Internacional da Lingua Materna é unha efeméride, proclamada pola Unesco en 1999 e adoptada posteriormente pola ONU, que cada 21 de febreiro trata de promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta.
A celebración deste 2024 ten como lema 'Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional' e, tomando como punto de partida esta idea, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias organiza o acto Contar a ciencia desde nós.
Esta sesión pon o foco na importancia de formar en ciencia nas linguas maternas (no noso caso, en galego) tanto en contextos formais -ensino- como nos informais -divulgación científica-, exponse un exemplo de formación divulgativa de calidade, e recoñécese o talento divulgador da mocidade que nun futuro vai ser universitaria.
Todo o anterior toma forma no seguinte programa de intervencións:
- Conferencia "Por que debes divulgar ciencia... e facelo en galego", por Laura Filloy, xornalista e redactora do portal GCiencia.
- Monólogo científico "Unha vaca moi intelixente", por Uxía Yáñez Ramil, investigadora da Facultade de Veterinaria
- Entrega de premios ás persoas gañadoras da edición 2023 do concurso Petiscos de ciencia, que premia os mellores vídeos de divulgación científica elaborados por alumnado de ensino secundario.
A asistencia é libre ata completar a capacidade do espazo e de balde, así que a Facultade de Ciencias anima a toda a comunidade do campus de Lugo a acompañalos nesta conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna, no marco dunha sesión que se desenvolverá o mércores 21 de febreiro, a partir das 12.00 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo do centro universitario.