Podes dar a clase en galego, podes facer os exames en galego; tes dereitos, coñéceos aquí.
Temos dereito a dirixirnos oralmente e por escrito á Administración en galego e a presentarmos en galego todos os documentos.
- Estatuto de Autonomía de Galicia, artigo 5
- Lei 3/1983, de Normalización lingüística, artigo 6
- Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, artigo 13 c) e 15
Temos dereito a ser atendidos oralmente en galego en calquera servizo ou unidade administrativa da USC. É máis: o galego é a lingua por defecto da Administración da USC.
- Lei 3/1983, de normalización lingüística, artigo 4
- Regulamento de usos lingüísticos da USC, artigos 3 e 10
Temos dereito a que nos fornezan calquera documento ou expediente administrativo da USC en galego.
- Lei 3/1983, de Normalización lingüística, artigo 4
- Regulamento de usos lingüísticos da USC, artigos 9 e 10
- Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, artigos 13 c) e 15
Todos/as temos dereito a usar a lingua oficial da nosa preferencia (galego ou castelán) durante as actividades académicas da USC. Este é o único dereito recoñecido na lexislación vixente en relación coa docencia universitaria. (Lei 3/1983, de Normalización lingüística -artigo 15- e Regulamento de usos lingüísticos da USC -artigo 7-)
Os estudantes teñen dereito
- a presentaren traballos escritos en galego
- a realizaren os exames en galego
- a dirixírense ao profesorado, tanto en público como en privado, en galego
- a coñecer que lingua se vai usar en cada materia e grupo docente antes de matricularse nela
- a impartiren clases en galego
- a facilitaren os materiais escritos en galego
- a faceren os exames en galego
Segundo a lexislación vixente, ninguén, nin estudantes nin docentes, ten a obriga de cambiar de lingua, galego ou castelán, por problemas de comprensión oral ou escrita dos demais nas actividades académicas.
A USC ofrece información previa sobre a situación lingüística de Galicia e da propia universidade a quen provén de fóra de Galicia, e así mesmo ofrece cursos e outros medios para asegurar unha comprensión abonda do noso idioma que permita seguir a actividade académica.
Ámbito mundial e europeo
Ámbito español
- Constitución Española
- Estatuto básico do empregado público
- Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas
Ámbito galego
- Estatuto de Autonomía
- Lei 3/1983, de normalización lingüística
- Plan xeral de normalización da lingua galega
- Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia
- Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia
- Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración
- Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
Ámbito universitario
- Estatutos da USC
- Regulamento de usos lingüísticos da USC (2022)
- Regulamento de uso do galego na USC [derrogado]
- Plan de normalización lingüística da USC (2001-2010)
- Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino da Universidade de Santiago de Compostela
- Normativa pola que se regulan os concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios na USC
- Baremo de méritos para concurso de PAS (funcionario)
Teño dereito a recibir clases no idioma da miña preferencia?
Non. O único dereito que se recolle na lexislación vixente a respecto da docencia universitaria é o de utilizaren tanto os docentes como o estudantado a lingua oficial -castelán, galego- que prefiran.
Podo esixirlle a un alumno/a que se expresa en galego, que o faga en castelán porque non o entendo?
Non. O estudantado ten dereito a utilizar a lingua da súa preferencia nas actividades académicas, e ninguén pode obrigalo a que use outra.
Podo impartir clases en galego aínda que haxa alumnos/as que se queixan?
Por suposto, abofé. Os docentes teñen dereito a utilizar a lingua da súa preferencia nas actividades académicas, e ninguén pode obrigalos a que usen outra.
Todo o alumnado galego ten coñecementos abondos como para seguir unha materia en galego.
Os estudantes procedentes de fóra de Galicia reciben información sobre as linguas na USC antes de viren, e teñen ao seu dispor os Cursos para non galegofalantes, que lles garanten un nivel de comprensión oral e escrito abondo como para seguiren unha materia en galego. Por suposto, é recomendable nestes casos facer un labor de titoría, de seguimento e apoio especial.
Podo pedirlle a un membro do PAS que se dirixa a min en galego?
Non só llo podes pedir: é que, consonte a normativa vixente, esa sería a lingua que tería que falar en primeiro lugar durante o exercicio do seu traballo profesional. E só debería cambiar de lingua en caso de que un usuario llo solicitase expresamente.