Desenvolven en cada centro, actuacións de promoción do galego en liña coa política lingüística definida pola Universidade.
Busca a da túa escola ou facultade e participa nas súas actividades!
As comisións de normalización lingüística (CNL) son comisións delegadas das xuntas de facultade ou de escola.
Segundo o Plan de Normalización Lingüística, as CNL dos centros son parte da organización xeral da USC en materia de política lingüística, e hanse encargar de velar pola aplicación en cada centro do Plan de Normalización Lingüística, de presentar propostas á xunta de centro e aos consellos de departamento, de canalizar suxestións á CNL do Claustro. Han ser, alén diso, o ámbito directo de participación dos tres colectivos da Universidade no desenvolvemento do Plan.
O labor que están a realizar as CNL resulta imprescindible para podemos falar do proceso de normalización lingüística na USC durante os últimos anos.
A súa composición estará determinada polo que dispoña o regulamento do seu centro tocante ás comisións delegadas. En todo caso, haberá representantes de estudantes, do PDI e do PAS, así como representantes do equipo directivo do centro. A CNL tamén poderá acubillar a todas aquelas persoas do centro que queiran asistir e participar.
1 Recoller datos
Antes de propoñermos medidas para estender o uso do galego, necesitamos coñecer o mellor posible coñecer ben a realidade do centro en que pretendemos actuar, facer un diagnóstico a partir do cal propoñer obxectivos e medidas para conseguilos.
Para elaborar este estudo-diagnóstico inicial contamos cunha listaxe de datos que nos interesan e cun guión. Cómpre a colaboración entre a comisión de normalización lingüística e a Área de Dinamización do SNL para levar adiante esta tarefa.
2 Propoñer actuacións
A partir do diagnóstico obtidos coa análise anterior, débense definir os obxectivos a que se quere chegar e propoñer as medidas necesarias para logralo, é dicir, elaborar un plan de normalización lingüística do centro enmarcado no Plan de Normalización da USC. Tamén nesta tarefa as comisións contarán co apoio técnico do SNL.
Anualmente as comisións de normalización deben elaborar un programa de actividades enmarcadas en cadanseu plan de normalización. Para levalas adiante contan co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística, quen tamén buscará fontes de financiamento, entre as cales sobrancea a derivada da aplicación do convenio de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia, que se actualiza anualmente.
3 Canalizar intereses
As cnl deben ser un referente á hora de encamiñar o interese dos membros do centro sobre calquera aspecto relacionado coa normalización lingüística: colaboracións, queixas, problemas, suxestións...
4 Difundir información e recursos
As cnl deben encargarse de publicitar e distribuír no seu centro os recursos que ofrece a Universidade, así como da súa propia existencia e das súas actividades.
5 Coordinarse
Cómpre coordinar todos os esforzos existentes na USC arredor da normalización lingüística, de xeito que haxa un continuo traslado de información sobre as actividades, iniciativas, dificultades e progresos en cada centro, que poidan servir de idea e alento aos restantes, ou mesmo permitir, nalgúns casos, adoptar iniciativas conxuntas para varios centros ou asumir proxectos para toda a Universidade.
Por outra banda, coordinarse baixo o soporte do SNL permite que se poida ter información centralizada verbo de todas as iniciativas normalizadoras da USC e espallalas con maior eficacia.
- Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
- Escola Técnica Superior de Enxeñaría
- Facultade de Bioloxía
- Facultade de Ciencias
- Facultade de Ciencias da Comunicación
- Facultade de Ciencias da Educación
- Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
- Facultade de Dereito
- Facultade de Farmacia
- Facultade de Filoloxía
- Facultade de Filosofía
- Facultade de Física
- Facultade de Formación do Profesorado
- Facultade de Humanidades
- Facultade de Matemáticas
- Facultade de Medicina e Odontoloxía
- Facultade de Óptica e Optometría
- Facultade de Psicoloxía
- Facultade de Química
- Facultade de Veterinaria
- Facultade de Xeografía e Historia