A partir de 1981 constitúese formalmente a Sección de Psicoloxía, que se converterá en facultade independente en 1991.
Durante estas décadas, a Facultade evolucionou até se converter nun centro de recoñecido prestixio pola calidade da súa docencia e da súa investigación. En 2019 foi recoñecida coa Acreditación Institucional outorgada polo Consello de Universidades, que certifica a implantación con éxito dun sistema de garantía de calidade nos títulos que nela se imparten.
Na actualidade, ademais do Grao en Psicoloxía (con mención en Psicoloxía da Saúde), impártense no centro: o Máster Universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria, o Máster Universitario en Psicoloxía (coas especialidades en Psicoloxía Experimental e en Psicoloxía da Intervención Social e Comunitaria) e o Máster Interuniversitario en Psicoxerontoloxía.
Con respecto ao labor investigador, na Facultade de Psicoloxía existen distintos grupos que se sitúan na vangarda da investigación española nas súas respectivas áreas de coñecemento. Nos últimos anos foi notable o incremento no número de proxectos financiados, así como o de publicacións en revistas internacionais de prestixio, dos grupos e o profesorado da Facultade.
Como profesión, a psicoloxía experimentou un auxe importante e foise implantando en distintos contextos, dando lugar á consolidación de perfís profesionais específicos, entre eles os da psicoloxía clínica, a psicoloxía educativa, a psicoloxía do traballo e das organizacións, a psicoloxía social e comunitaria ou a psicoloxía xurídica; a eles súmanselles outros ámbitos emerxentes, como o da intervención en emerxencias e catástrofes ou a psicoloxía do deporte. As titulacións que se imparten no centro pretenden proporcionar formación que achegue aos estudantes o coñecemento da maior parte destes ámbitos de actuación da psicoloxía.