O mestrado desenvolverá a súa propia actividade de presentación e acollida dos/as novos/as estudantes no inicio de cada curso académico cunha sesión, esencialmente a cargo da persoa coordinadora do mestrado, ne que se informará aos/as estudantes acerca dos obxectivos principais do título, as competencias e destrezas que deben ser alcanzadas ao final do mesmo, o Prácticum e o Traballo de fin de máster en función de cada especialidade. Será tamén obxecto desta sesión a información sobre os servizos de apoio á aprendizaxe (Campus Virtual, Biblioteca, recursos informáticos e de tecnoloxías da comunicación) e ás xestións académicas (servizos administrativos do centro e xerais; estrutura de dirección académica da facultade).
Pola súa banda, o vicerreitorado con competencias en estudantes da USC realiza accións informativas (ben presenciais nos centros docentes, ou ben a través das TIC) que se desenvolven na primeira quincena do curso académico en todos os centros universitarios para dar a coñecer os recursos e servizos de carácter xeral de que dispón a Universidade. A USC conta tamén con outros recursos de apoio para os/as estudantes, tais como a reserva de prazas nas residencias universitarias, ou o Programa de Atención a Estudantes Extracomunitarios (PATEX) do Vicerreitorado con competencias en internacionalización, a través do cal realízanse tarefas de acompañamento dirixidas á integración na cidade e na universidade dos/as estudantes procedentes doutros países.
Ademais, a Facultade de Psicoloxía desenvolve ao longo do curso accións de apoio e orientación aos/ás estudantes matriculados/as, mantén actualizado permanentemente un portal web da Facultade en que se presenta a información de interese (anuncios de cursos, charlas e actividades, horarios de clase, calendario de exames, programas de materias, horario de titorías do profesorado, normativas), e desenvolve cursos de presentación e formación de usuarios/as para coñecer e adquirir dominio dos servizos que se prestan e do manexo dos recursos dispoñíbeis no sistema de bibliotecas da USC.
A atención máis específica desde o órgano académico responsábel do mestrado prevese, principalmente, a través do seu coordinador/a do mestrado e dos coordinadores/as de cada unha das súas especialidades. Dado o número de estudantes previstos, é perfectamente factíbel unha atención personalizada paraas dúbidas e necesidades de cada estudante, que se complementará con reunións para orientar sobre procesos específicos, especialmente prácticum e TFM, que se realizarán, de modo ordinario, durante o segundo semestre de primeiro curso.
Aos/as estudantes estranxeiros/as que teñan dificultades coas linguas utilizadas no mestrado serán orientados para que contacten co Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC, que oferece cursos de español para estranxeiros/as e de galego para persoas que non dominan esta lingua.