Misión
A Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela ten como misión contribuír á formación integral de profesionais comprometidos coa saúde, o benestar e desenvolvemento psicolóxico e psicosocial das persoas e a comunidade, nun contorno académico que promova a xeración e a aplicación dos coñecementos da disciplina.
Visión
Esta Facultade quere ser recoñecida no contexto universitario e social por: a) desenvolver programas formativos que garantan a mellor e máis adecuada formación para o seu estudantado e que dean resposta ás necesidades da sociedade e ás súas demandas nos ámbitos laboral e investigador; b) garantir as condicións de desenvolvemento profesional adecuadas ao seu persoal docente, investigador e de servizos, e c) render contas do investimento e a optimización dos seus recursos.
Valores
A Facultade de Psicoloxía réxese polo compromiso cos seguintes principios éticos e profesionais:
- Responsabilidade cara ao estudantado e a sociedade, proporcionando unha formación dirixida á excelencia que cumpra coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade no seu conxunto.
- Compromiso co código deontolóxico profesional, promovendo o coñecemento e a utilización dos principios éticos que deben guiar as actuación académicas e profesionais da psicoloxía.
- Orientación cara á integración, a participación e a igualdade, prestando atención ás necesidades de todos os colectivos que conforman a Facultade, e garantindo a súa integración, participación e igualdade.
- Transparencia na xestión dos seus programas formativos e das iniciativas de mellora, asegurando a transparencia nos procesos e nos resultados, así como a difusión destes nos distintos grupos de interese.
Tomando como referencia a política de calidade da USC, a Facultade de Psicoloxía marca como principal meta o desenvolvemento de programas formativos actualizados e socialmente relevantes, que estean avalados por unha xestión de calidade, a través dos seguintes obxectivos:
- Planificar os seus estudos facendo o uso máis eficaz posible dos recursos, humanos e materiais, dispoñibles.
- Garantir o desenvolvemento dos programas formativos cunha orientación ao estudantado, manifestada con actividades de orientación ao inicio, durante e ao final dos estudos, coa atención á diversidade e necesidades especiais, coa oferta de actividades para a consecución de competencias transversais e co fomento das prácticas externas e da mobilidade.
- Atender á mellora das condicións dos distintos colectivos de traballadores que conforman a Facultade, impulsando unha dotación de persoal suficiente, así como o adecuado recoñecemento da súa actividade, fomentando a formación continuada do profesorado e do PAS, e facilitando, na organización do traballo, a conciliación entre a vida persoal e a laboral.
- Asegurar a calidade nos recursos materiais e servizos, mediante un adecuado mantemento e renovación de equipos e instalacións que permitan estar ao nivel requirido polos programas formativos en canto a equipamento científico, TIC, novos recursos para a aprendizaxe, atención aos protocolos de prevención de riscos e seguridade laboral, así como ás necesidades relativas á accesibilidade e integración de persoas con necesidades especiais.
- Utilizar a avaliación e seguimento dos resultados da formación e do sistema de garantía de calidade para a actualización e mellora dos procesos formativos, mediante a análise da consecución dos resultados da aprendizaxe, a adecuación das competencias ao exercicio profesional, a satisfacción dos grupos de interese, a análise da eficacia dos procedementos e as incidencias e suxestións dos grupos de interese.
- Garantir a dispoñibilidade pública de toda a información relevante para os grupos de interese en relación coa oferta formativa da Facultade, co fin de facilitar a toma de decisións informada e de posibilitar a súa participación nos procesos de mellora.