Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
10, 13, 17, 20, 24, 31 de outubro; 3, 7, 10, 14 e 17 de novembro de 2022.
Diseño de Brigitte Werner. Pixabay

Esta acción formativa configúrase como un obradoiro-círculo dirixido ao alumnado universitario, con dous formatos e grupos distintos, un presencial e outro virtual. Así, constituíranse dous espazos nos que, a través da reflexión compartida, se buscará o desenvolvemento das competencias emocionais, sentimentais e sociais das persoas participantes desde unha perspectiva feminista.

Ao longo de 6 sesións, en modalidade presencial para un grupo e telemática para outro, levaranse a cabo actividades e dinámicas moi diversas: de expresión verbal e artística, xogo grupal, análise de obxectos culturais, debates etc., sempre adaptándose ás características, necesidades e intereses do alumnado, e en consonancia cos obxectivos da formación.

Actividade financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do ministerio de Igualdade.

  • Obxectivos

    • Estimular un desenvolvemento integral non sexista.
    • Estimular un desenvolvemento integral feminista e queer.
    • Apoderar á mocidade, buscando liberala de posibles restricións asociadas ao sexo/xénero e/ou á orientación sexual, a súa orixe étnica, poder adquisitivo, aspecto...
    • Educar ás persoas na busca da liberdade, entendendo ao individuo como un todo, parte dun conxunto máis amplo; potenciando a conciencia e a sensibilidade, respectando e poñendo en valor as súas particularidades e diferenzas.
    • Contribuír á aprendizaxe e ao adestramento das competencias emocionais, sentimentais e sociais máis significativas para esta etapa da vida: a conciencia e a regulación emocional e sentimental, a autonomía crítica, as competencias sociais, e as competencias para a vida e o benestar.
    • Transformar a realidade, lastrada pola herdanza dunha construción sociocultural cisheteropatriarcal, racista, clasista, capacitista, especista..., compensando as desigualdades e desfacendo as opresión.
    • Previr a violencia, entre iguais e de xénero, como posibles condutas de risco, ademais das discriminacións por razóns de orientación sexual, sexo/xénero, orixe familiar, capacidades, etnia etc.

    Contidos

    1. A identidade como subxectividade no plano persoal e no social.
    2. Descubrimento, comprensión e regulación dos sentires.
    3. Disidencias e diversidades sexuais e vinculares.
    4. Vínculos saudables: a constitución das relacións interpersoais desde a sensibilidade e a horizontalidade

    Metodoloxía

    Empregarase unha metodoloxía de carácter grupal, activa, dinámica e participativa. As sesións desenvolveranse, no caso do grupo presencial, no espazo facilitado pola Universidade para tal fin e, no caso do grupo virtual, a través da plataforma telemática MS Teams, na que é posible a interacción síncrona, con vídeo e mais con audio.

    Basearanse en explicacións, simulacións, dinámicas de grupo, discusións e debates. Estas actividades fomentarán a análise da linguaxe empregada, dos estereotipos interiorizados, das mensaxes recibidas a través dos medios de comunicación, dos obxectos culturais, da sociocultura en xeral, a fin de valorar a influencia de todos estes elementos na construción das actitudes, pensamentos, sentires e comportamentos individuais e colectivos.

    Docentes

    Aixa Permuy Martínez, membro do Seminario Permanente de Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano (EXDEHU) do Instituto de Ciencias da Educación (ICE-USC).

    Colectivo ao que vai dirixido

    Alumnado das titulacións de grao e máster da USC.

    Duración

    A duración do proceso formativo será de 15 horas presenciais e 10 horas de traballo persoal.

      Avaliación

      Avaliarase a participación, o interese, o traballo e actividades realizadas polo alumnado, así como o emprego e aproveitamento dos recursos e materiais. O alumnado terá que entregar un informe final, na forma dun diario de sesións que recolla as reflexións xurdidas na vivencia do obradoiro.

      Recoñecemento

      Recoñecemento con 1 crédito optativo para todas as titulacións de grao da USC. Debe realizarse o 90 % do total das horas para optar ao seu recoñecemento.

    • Datas e horario

      • Modalidade presencial: 13, 20, 27 de outubro, 3, 10 e 17 de novembro de 2022, de 12:30 a 15:00 horas. Aula 3 do módulo A. Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida).
      • Modalidade virtual: 10, 17, 24, 31 de outubro, 7 e 14 de novembro de 2022, de 16:30 a 19:00 horas. A través de MS Teams.

      Matrícula

      Matrícula gratuíta

    • Oficina de Igualdade de Xénero

      OIX. Pavillón de Estudantes. 1.º andar

      Servizo de Participación e Inclusión Universitaria

      SEPIU. Pavillón de Estudantes

      Servizo de Participación e Inclusión Universitaria

      SEPIU. Edificio Intercentros
    Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2024.