Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
A cidade de Santiago acolle os días 15 e 16 de xuño a segunda edición do Cumio Galego contra o Discurso de Odio.
Cumio Galego

Organizado pola Coordinadora Galega de ONGD no marco de Compostela+Solidaria en colaboración co SEPIU e as organizacións EAPN-Galicia, Agareso e Ecos do Sur.

  • O discurso de odio no ámbito educativo

    O obxectivo destas xornadas é entender as dinámicas que sosteñen o discurso de odio en todas as súas formas. Pero tamén achegarnos a recursos, experiencias inspiradoras e testemuños dos que aprender dende dous ámbitos moi concretos: a educación e as organizacións e movementos sociais.

    O xoves 15 de xuño o foco estará posto na comunidade educativa, co relatorio “Educando na diversidade”. Nela participarán Ovidio Villar, docente e impulsor de numerosas iniciativas no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Sonia Díaz, técnica de Educación para a Cidadanía Global de Agareso, e Marta G. Franco, hacktivista e xornalista do equipo de La Intersección e iniciativas como @nolesdescasito .

    Ademais, o alumnado de varios centros participará en obradoiros orientados a traballar sobre o discurso de odio.

    Esta primeira xornada é exclusivamente para a comunidade educativa. Pero a do venres está aberta a todas as persoas que desexen asistir, previa inscrición.

    Intelixencia artificial, nesgos e narrativas

    O venres 16 o Cumio recibe á xornalista e investigadora Paula Guerra Cáceres, do colectivo AlgoRace-(Des)racializando la IA, que presentará o informe “Una introducción a la IA y la discriminación algorítmica para movimientos sociales”.

    Tamén estará Vivian Rangel, xornalista, investigadora e docente de maldita.es, con quen falarán das narrativas da desinformación.

    Poderase participar nunha dinámica de intercambio de experiencias inspiradoras e boas prácticas, así como coñecer testemuños e estratexias contra o odio desenvolvidas por activistas e colectivos en Latinoamérica.

    Esta xornada está especialmente dirixida a organizacións e colectivos sociais, pero calquera persoa con interese na comunicación, a tecnoloxía, e educación,… pode inscribirse e participar de balde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2024.