- Praza da Universidade, 1, 15703Santiago de Compostela
- 881812585 (Conserxaría)
- 881812589 (Decanato)
- zhisdeca@usc.gal
O Máster en Xestión da arte e o Patrimonio Cultural exponse co obxectivo prioritario de dar continuidade aos estudos de Historia, Historia da arte e Xeografía que se imparten na Facultade de Xeografía e Historia da USC. Esta proposta deriva da profunda reforma do grao de Historia da arte da Facultade de Xeografía e Historia, que se levou a cabo no curso 2022/23, e que comezou a implantarse no curso 2024/25.
A principal xustificación académica para este novo título apóiase na constatación dunha crecente demanda de graduados de áreas de humanidades, e especificamente de Historia da Arte, que queren perfeccionar a súa formación. Estes estudantes terían acceso a un perfil de estudos profesionalizantes en xestión da arte e o patrimonio, válido á vez para a investigación.
No que respecta ao interese científico, o novo máster virá a confirmar o arraigamento e importancia dos estudos orientados ás distintas manifestacións artísticas e o patrimonio, tal como se viñeron acollendo no plan de estudos do grao en Historia da Arte, unha titulación, convén lembralo, única en Galicia.
O interese profesional e social do novo título demóstrase mediante a versátil e variada formación ofertada. Campos como a museoloxía, o comisariado de exposicións, a crítica de arte, o asesoramento en mercado de arte, a xestión de coleccións, a coordinación de proxectos artísticos e culturais, a musealización de xacementos arqueolóxicos, as asesorías en conservación e restauración, os informes para catalogacións e protección de bens culturais, os equipos multidisciplinares para intervir en rehabilitacións e plans directores, a interpretación e difusión do patrimonio ou o turismo cultural; veranse beneficiados coa formación achegada aos futuros egresados.