Na década dos 60 creouse a Escola de ATS (Axudante Técnico Sanitario) e, en 1977, xa no marco da titulación de Diplomado Universitario de Enfermaría, a Escola Universitaria de Enfermaría nas dependencias do antigo Burgo das Nacións, con dirección propia. En 1984 trasladouse á súa actual sede, na avenida de Xoán XXIII, e, en 1999, inaugurouse o Hospital Clínico Universitario, onde se leva a cabo a docencia práctica xunto con outros centros, tanto hospitalarios como de atención primaria.
En 1995, a Unidade Docente de Matronas de Galicia da Especialidade de Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica estableceusee na Escola, onde se desenvolve o programa de formación teórica para os futuros enfermeiros especialistas, coordinando as prácticas asistenciais cos centros acreditados do Servizo Galego de Saúde.
En 2010, a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior supuxo unha gran transformación a todos os niveis, creándose o actual Grao en Enfermaría cunha ampliación do programa curricular a catro anos. De modo paralelo, en 2011 o centro pasa a ser a Facultade de Enfermaría, onde se imparte tamén formación oficial de posgrao a través dos estudos de máster que dan acceso a programas de doutoramento, potenciando así a investigación en enfermaría. Ademais, disponse de novos espazos no edificio docente Nóvoa Santos, anexo ao Hospital Clínico Universitario.