Ir o contido principal

Un equipo de Matemáticas desenvolve algoritmos para optimizar a xestión e seguridade nos incendios forestais

Mellorar a seguridade das brigadas contraincendios é un dos obxectivos do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Mellorar a seguridade das brigadas contraincendios é un dos obxectivos do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Permitirán diminuír a extensión das áreas afectadas, mellorar a coordinación entre os equipos de extinción que interveñan para controlalos e reforzar a súa seguridade

Un equipo do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), entidade da que forman parte a USC e as universidades da Coruña e Vigo, está a traballar na mellora da xestión dos incendios forestais desenvolvendo “novos algoritmos específicos para optimizar a detección do perímetro do incendio, para mellorar a planificación de medios aéreos, e a detección combinada de posicións de aeronaves e brigadistas”, segundo explica María José Ginzo, profesora de Estatística e Investigación Operativa da USC.

Tal como explica a investigadora, “estes algoritmos céntranse na aplicación de técnicas avanzadas de análises de datos, incluíndo imaxes térmicas, algoritmos de optimización e aprendizaxe automática. O obxectivo é mellorar a precisión na detección de incendios, a eficiencia dos recursos despregados e a seguridade das operacións”. Así mesmo,  incorporaron melloras nos algoritmos existentes, optimizando planificación de recursos, cálculo das traxectorias que deben realizar as aeronaves e análise de riscos de incendio.

O proxecto tamén ten como meta o desenvolvemento dun sistema automático que permita analizar a variabilidade das pegadas das descargas de auga, contribuíndo á avaliación precisa da eficacia das intervencións aéreas. En relación con este aspecto, María José Ginzo apunta que “as descargas de auga que fan as aeronaves teñen como finalidade ir arrefriando a zona para que o incendio se extinga, de modo que é necesario repetir as descargas en diferentes períodos de tempo. Así, as pegadas das descargas permiten saber, por unha banda, se o incendio evoluciona ou vai diminuíndo e, polo outro, cara a onde evoluciona”.

Mapas de calor e risco
Os novos algoritmos abranguen a creación de mapas de calor e mapas de risco, a detección en tempo real do perímetro do incendio, a estimación das traxectorias das aeronaves e o desprazamento do incendio, así como a planificación óptima de recursos aéreos. Doutra banda, desenvolveranse algoritmos para avaliar a eficacia das descargas de auga, analizar a rexeneración post-incendio e proporcionar métricas clave para o seguimento das operacións de extinción.

“Os resultados destes proxectos serán clave para o desenvolvemento de tecnoloxías que optimicen os esforzos na extinción de incendios. Isto permitirá diminuír a extensión das áreas afectadas, incrementar a seguridade dos equipos de brigadas, mellorar a coordinación durante as operacións de extinción, ampliar o tempo dispoñible para intervir e engadir novos recursos aéreos na loita contra grandes incendios forestais. Ademais, lograrase reducir os custos de investimento, operación e mantemento, ao mesmo tempo que se incrementa a cobertura e a eficiencia do servizo”, asegura a investigadora.

O proxecto do CITMAga desenvólvese en colaboración coa empresa alicantina Avincis, o maior operador europeo de servizos aéreos de emerxencia, e está financiado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), no marco da Civil UAVs Initiative.

Equipo participante no proxecto de desenvolvemento de algoritmos para loitar contra os lumes forestais
Equipo participante no proxecto de desenvolvemento de algoritmos para loitar contra os lumes forestais
Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.10.2024.