Un equipo de Matemáticas desenvolve algoritmos para optimizar a xestión e seguridade nos incendios forestais
Un equipo do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), entidade da que forman parte a USC e as universidades da Coruña e Vigo, está a traballar na mellora da xestión dos incendios forestais desenvolvendo “novos algoritmos específicos para optimizar a detección do perímetro do incendio, para mellorar a planificación de medios aéreos, e a detección combinada de posicións de aeronaves e brigadistas”, segundo explica María José Ginzo, profesora de Estatística e Investigación Operativa da USC.
Tal como explica a investigadora, “estes algoritmos céntranse na aplicación de técnicas avanzadas de análises de datos, incluíndo imaxes térmicas, algoritmos de optimización e aprendizaxe automática. O obxectivo é mellorar a precisión na detección de incendios, a eficiencia dos recursos despregados e a seguridade das operacións”. Así mesmo, incorporaron melloras nos algoritmos existentes, optimizando planificación de recursos, cálculo das traxectorias que deben realizar as aeronaves e análise de riscos de incendio.
O proxecto tamén ten como meta o desenvolvemento dun sistema automático que permita analizar a variabilidade das pegadas das descargas de auga, contribuíndo á avaliación precisa da eficacia das intervencións aéreas. En relación con este aspecto, María José Ginzo apunta que “as descargas de auga que fan as aeronaves teñen como finalidade ir arrefriando a zona para que o incendio se extinga, de modo que é necesario repetir as descargas en diferentes períodos de tempo. Así, as pegadas das descargas permiten saber, por unha banda, se o incendio evoluciona ou vai diminuíndo e, polo outro, cara a onde evoluciona”.
Mapas de calor e risco
Os novos algoritmos abranguen a creación de mapas de calor e mapas de risco, a detección en tempo real do perímetro do incendio, a estimación das traxectorias das aeronaves e o desprazamento do incendio, así como a planificación óptima de recursos aéreos. Doutra banda, desenvolveranse algoritmos para avaliar a eficacia das descargas de auga, analizar a rexeneración post-incendio e proporcionar métricas clave para o seguimento das operacións de extinción.
“Os resultados destes proxectos serán clave para o desenvolvemento de tecnoloxías que optimicen os esforzos na extinción de incendios. Isto permitirá diminuír a extensión das áreas afectadas, incrementar a seguridade dos equipos de brigadas, mellorar a coordinación durante as operacións de extinción, ampliar o tempo dispoñible para intervir e engadir novos recursos aéreos na loita contra grandes incendios forestais. Ademais, lograrase reducir os custos de investimento, operación e mantemento, ao mesmo tempo que se incrementa a cobertura e a eficiencia do servizo”, asegura a investigadora.
O proxecto do CITMAga desenvólvese en colaboración coa empresa alicantina Avincis, o maior operador europeo de servizos aéreos de emerxencia, e está financiado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), no marco da Civil UAVs Initiative.