Ciclo ‘Reactiva a túa Química’

A profesora do Departamento de Química Inorgánica na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela Cristina Núñez González será a convidada do ciclo Reactiva a túa Química o 9 de abril coa conferencia ‘Aplicación da investigación básica na oncoloxía’ que pronunciará ás 13.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química.
Trátase dunha actividade transversal recoñecida con 1 crédito ECTS ao alumnado dos Graos en Química, Bioloxía, Biotecnoloxía, Enxeñaría Química e Farmacia.
Cristina Núñez González realizou a súa tese no Departamento de Química Inorgánica da Facultade de Química da USC e defendeuna en 2009. Tras máis de seis anos de estancia pos doutoral na Universidade NOVA de Lisboa (Portugal), regresou a España no ano 2016 cun contrato como investigadora Miguel Servet do Instituto de Saúde Carlos III e traballou no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.
A súa liña de investigación principal céntrase na aplicación da nanotecnoloxía para a busca de proteínas biomarcadores con aplicación no campo da oncoloxía. Como resultado da actividade investigadora desenvolvida ao longo destes anos publicou varios libros e 80 artigos científicos, participou e organizou un gran número de congresos nacionais e internacionais, e é investigadora principal de varios proxectos. Ademais, asinou varios convenios de colaboración na área de oncoloxía con empresas farmacéuticas como Roche Farma, S.A, é coordinadora dun ensaio clínico e colabora con varias asociacións de pacientes.
