As raíces da Universidade de Santiago
1495-1555
As escrituras de Gómez de Marzoa, de 1495, e as que subscribe con Diego de Muros II e Diego de Muros III, en 1501, para crear un estudio de Gramática sinalan o momento fundacional da Universidade de Santiago de Compostela. A creación do Colexio Alfero, por iniciativa de Alonso III de Fonseca, contribuirá a consolidar os estudos universitarios en Compostela, que van recibir o aval dos papas Xulio II, en 1504, e Clemente VII, en 1526. En 1555 os estudos universitarios composteláns serán recoñecidos como Universidade Real.
- 1495 [4 de setembro]
Creación do Estudo Xeral
O notario Lope Gómez de Marzoa impulsa a creación dun colexio para estudantes pobres co apoio do abade de San Martiño Pinario, Juan de Melgas, que cede aulas no mosteiro de San Paio de Antealtares para impartir as clases. - 1499A orde beneditina anula a cesión das aulas de San Paio e converte o edificio nun convento de monxas. Malia o desaloxo de San Paio, os estudos non se interrompen.
- 1501 [17 de xullo]Lope Gómez de Marzoa, Diego de Muros II, deán de Santiago, e Diego de Muros III, bispo de Canarias, fundan o Estudo Xeral para o ensino de gramática a clérigos e estudantes pobres do Arcebispado de Santiago. O Estudo Xeral terá a súa sede nun inmoble de dous andares no Cantón da Rúa Nova doado por Diego de Muros II.
- 1504 [17 de decembro]
Bula de Xulio II recoñecendo os privilexios do Estudio compostelán
Diego de Muros II e Diego de Muros III piden o aval do papa Xulio II dos privilexios do Estudo Xeral. Xulio II fai pública unha bula confirmando que o Estudo Xeral compostelán, chamado posteriormente Estudo Vello, gozaba dos mesmos privilexios que as universidades e outros estudos xerais: a potestade para modificar os seus estatutos e a facultade de impedir que os relixiosos opositasen ás súas cátedras sen a licenza dos padroeiros do Estudo Xeral. - 1522 [22 de xaneiro]O Estudo Xeral trasládase ao edificio do Hospital Vello do Señor Santiago situado na rúa da Acibechería, nun solar que actualmente ocupan os xardíns da fachada principal de San Martiño Pinario. O Hospital Vello estaba desocupado desde que, en 1509, comezara a funcionar o Hospital Real fundado polos Reis Católicos, o actual Hostal dos Reis Católicos, na praza do Obradoiro. O primeiro reitor do Estudo Xeral será o cóengo Joaquín Auñón.
- 1526 [15 de marzo]
Bula de Clemente VII aprobando a creción do Colexio de Santiago Alfeo
Unha bula de Clemente VII dá o visto e prace á fundación, por parte de Alonso III de Fonseca, do Colexio de Santiago Alfeo, onde se impartirán estudos de Teoloxía, Dereito e Artes, ademais de Gramática. - 1532Iníciase a construción do Colexio de Santiago Alfeo, o actual pazo de Fonseca.
- 1542O Estudo Vello é absorbido polo Colexio de Santiago Alfeo.
- 1550
Remate da construción do Colexio de Santiago Alfeo
Remata a construción do pazo de Fonseca, onde se trasladan os profesores e estudantes do Estudo do Hospital Vello. - 1550Contrátase o mestre Juan del Cano, cun soldo de 100 000 marabedís ao ano, para facerse cargo da ensinanza da gramática.
- 1551O conde Monterrei e o reitor Simón suman esforzos para que «haxa escolas e universidade, da mesma maneira que os estudos e a universidade de Salamanca e Valladolid e outros estudos xerais que hai nestes Reinos de España».
- 1552A Compañía de Xesús manifesta o seu interese por facerse cargo do Colexio de Santiago Alfeo. Ignacio de Loyola redacta uns estatutos para o Colexio de Santiago. O Reitor Simón Rodríguez e o Cabido compostelán opóñense ás intencións da Compañía de Xesús.
- 1553 [25 de outubro]Promúlganse as primeiras Ordenanzas —Estatutos— da Universidade de Santiago, que recollen que, ademais de Gramática, haberá cátedras de Artes, Teoloxía e Canons. Estipúlase que haberá tamén dous bedeis que controlarán a seguridade, a hixiene e a regularidade da actividade docente.
- 1553 [1 de novembro]Nomean reitor a Pedro Maldonado de la Carrera, cóengo de Santiago.
- 1554Simón Rodríguez e o Cabido piden a intervención do Consello Real para evitar que o control do Colexio compostelán pase a mans da Compañía de Xesús.
- 1555
A Universidade de Santiago recoñecida como Universidade Real
O Consello Real encomenda a Andrés Cuesta, doutor en Teoloxía, a elaboración das Constitucións do Colexio de Santiago para que poida ser recoñecido como Universidade Real. O 18 de agosto, Andrés Cuesta publica a convocatoria de 23 colexiaturas e os seguintes requirimentos de acceso para os novos estudantes: estudos previos de Gramática para colexiais e capeláns, idade de entre 16 e 25 anos, pobreza demostrada e veciñanza no Reino de Galicia.