Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
Información sobre vacinación.
Imaxe representativa

A prevención co uso de vacinas é un método eficaz na loita contra determinadas enfermidades e a súa erradicación.

  • No Servizo de Vixilancia da Saúde disponse de vacinas e achégase información sobre elas. Cada vez que se administra unha dose de calquera vacina rexístrase no historial informático de vacinas do SERGAS.

    As vacinas administradas son:

    1. Vacina antigripal.
    2. Vacina do tétano-difteria.
    3. Vacina triplo vírica (rubéola –parotidite e sarampelo).
    4. Vacina da hepatite A.
    5. Vacina da hepatite B.
    • A gripe é producida por un virus do xénero dos influenzavirus que afecta sobre todo ás vías respiratorias superiores, ocasionando un cadro clínico con síntomas xerais, benigno e auto limitado, agás en poboacións de risco.
    • A principal fonte de infección constitúena os enfermos, e durante os tres primeiros días da enfermidade a posibilidade de contaxio é máxima. O virus é moi sensible aos axentes externos, polo que o mecanismo de transmisión é sempre directo.
    • Os factores climáticos (baixa temperatura, humidade) facilitan a transmisión ao favorece-lo amoreamento das persoas. A fácil transmisión do virus explícase pola súa alta concentración nas secrecións orofarínxeas e a baixa dose infecciosa necesaria.
    • A época de vacinación é, habitualmente, a principios do outono, e adáptase ao calendario oficial da vacinación.

    Indicacións

    Recoméndase especialmente nos seguintes grupos de risco:

    • persoas que padecen afeccións pulmonares crónicas: bronquite, enfisema, asma, bronquiectasia, tuberculose, fibrose e outras.
    • persoas que padecen afeccións cardíacas crónicas: enfermidade cardíaca hipertensiva e valvular e outras.
    • persoas que padecen afeccións renais crónicas: nefrite, insuficiencia renal e outras.
    • persoas que padecen outras enfermidades crónicas: diabete mellitus, lupus eritematoso, hepatite e outras.
    • persoas con terapia inmunosupresora.
    • persoas expostas a un risco elevado de contaxio por calquera razón: servizos de asistencia ao público, profesores, sanitarios, outros.
    • persoas maiores de 65 anos.

    Consentimento informado

    Campaña de vacinación da gripe 

    Pode obter mais información na instrucion do SERGAS

  • O tétano é unha enfermidade producida polo Clostridium tetani, que é un bacilo grampositivo e anaerobio. Pode presentarse en forma vexetativa ou esporulada, amplamente distribuídas, en forma de esporas, no lixo, esterco, metais oxidados e material contaminado con feces humanas e animais.

    A difteria é unha enfermidade bacteriana aguda localizada con maior frecuencia na rexión orofarínxea. A vacina está incluída no calendario infantil de vacinacións. Na actualidade recoméndase continua-las vacinacións no adulto xuntamente coa vacina antitetánica.

    Indicacións

    Recoméndase a vacinación antitetánica para toda a poboación (nenos e adultos). É de particular interese en:

    • Servizos de xardinaría
    • Agricultores
    • Todas as persoas que teñan relación co campo ou con animais (profesores, persoal de laboratorio…)
  • A rubéola, o sarampelo e a parotidite son enfermidades víricas que normalmente se padecen na idade infantil e, polo xeral, das que o individuo adulto está inmunizado; non obstante nalgún caso a persoa non presenta anticorpos fronte a estas enfermidades

    Indicacións

    • Recoméndase nos adultos non vacinados ou aqueles que a pesar de estar vacinados non desenrolaron anticorpos (inmunidade). No Servizo de Vixilancia da Saúde faise —previamente á vacinación— unha determinación do estado inmunitario da persoa.
  • A hepatite B é unha enfermidade producida polo virus da hepatite B (VHB) que se transmite pola sangue e por fluídos corporais como o seme e o fluxo vaxinal (polo que está considerada enfermidade de transmisión sexual)

    A hepatite B constitúe na actualidade un importante problema de saúde pública a nivel mundial, debido á alta prevalencia da enfermidade nalgunhas zoas e á posibilidade de desenvolvemento de formas crónicas graves. A vacina da hepatite B está indicada en tódalas persoas que teñan o risco de contraer a enfermidade.

    Indicacións

    A vacina da hepatite B está indicada en tódalas persoas que teñan o risco de contraer a enfermidade.

    Como risco laboral na USC considérase que a vacina da hepatite B está indicada para:

    • Persoas que traballen en institucións sanitarias expostas a contactos co sangue, e/ou produtos biolóxicos.
    • Persoal profesional de laboratorios onde se manexen mostras de produtos biolóxicos.
    • Persoal da Escola Infantil.
    • Socorristas da piscina.
  • A hepatite A está producida polo virus da Hepatite A (VBA).

    O virus encontrase nas feces das persoas infectadas polo que a forma de contaxio é por contacto directo cos enfermos ou ao inxerir alimentos ou auga contaminados co virus.

    Indicacions

    Recoméndase, en xeral, a todas aquelas persoas que traballen ou viaxen a areas onde a hepatite A é endémica, persoas que traballan con anciáns etc.

    Dende o punto de vista laboral, na USC, está indicada no caso de:

    • Traballadores de laboratorios onde poidan estar expostos ao virus da hepatite A.
    • Traballadores da Escola Infantil
    • Investigadores que traballen con augas residuais ou contaminadas.
    • Socorristas da piscina.
  • Servizo de Vixilancia da Saúde

    Casa de Vivendas de Funcionarios

    Servizo de Vixilancia da Saúde

    Edificio Administrativo Intercentros
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2024.