Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
Xestión sostible de praias e zonas húmidas ibéricas: conservación da píllara das dunas como ferramenta para compatibilizar usos humanos e biodiversidade (IBERALEX)

Proxecto desenvolvido polo Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Facultade de Bioloxía da USC e cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

  • O obxectivo do Proxecto 0123_IBERALEX_6_E, o cal desenvolverase entre outubro de 2023 e setembro de 2026, é o de mellorar o estado de conservación das poboacións de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) no espazo transfronteirizo España-Portugal, a través dunha estratexia de xestión integral de praias e humidais supralitorais e continentais que contribúa á compatibilización das actividades humanas e á conservación da súa biodiversidade asociada.

    O Proxecto aborda 3 grandes retos comúns para a vertente atlántica da península Ibérica:

    • Avanzar na creación dun espazo de comprensión homoxéneo en todo o ámbito espacial, no que diferentes grupos humanos perciban a necesidade dun uso sustentable de praias e humidais que sexa compatible coa conservación da biodiversidade e, en particular, da Píllara das dunas.
    • Mellorar o estado de conservación da especie obxectivo
    • Incrementar o coñecemento de aspectos da bioloxía e ecoloxía da especie, imprescindibles para optimizar a súa xestión e a dos seus hábitats.
       
    • Prazas: 20-25 voluntarias/os ao ano (en todas as xornadas a previsión é que as persoas traballen en parellas). 

    As persoas voluntarias contarán cunha bolsa de manutención e desprazamento dende o seu lugar de residencia á praia de traballo.

    1. Período de traballo: meses maio-agosto de 2025.
    2. Área de traballo: praias de nidificación da Píllara das dunas das costas de A Coruña e Pontevedra. De acordo coa distribución das praias, establécense 5 áreas de traballo:
      1. Costa Ártabra, praias de Vilarrube (Valdoviño) a Doniños (Ferrol)
      2. Costa da Morte Norte, praias de Baldaio (Carballo) a Traba (Laxe)
      3. Costa da Morte Sur, praias de Nemiña (Muxía) a Louro (Muros)
      4. Costa do Barbanza, praias da Aguieira (Porto do Son) e A Corna (A Pobra)
      5. Costa do Salnés, praias de Mexilloeira (O Grove) a Montalvo (Sanxenxo)
    3. Actividades a desenvolver:
      1. Enquisas á poboación usuaria da praia relativas ao grao de coñecemento da especie e os seus problemas de conservación. Esta actividade desenvolverase 2 días/tempada en 5 praias (total 10 días, 5 laborables e 5 festivos).
      2. Vixilancia de polos de Píllara das dunas en crecemento e identificación de ameazas. Para esta actividade estímase un máximo de 16 días/ano en cada unha das áreas de traballo, a repartir entre laborables e festivos.
      3. Interacción coas persoas usuarias das praias para a recomendación de boas prácticas no desfrute dos areais en compatibilidade coa conservación da Píllara das dunas. Esta actividade desenvolverase de xeito simultáneo coa vixilancia de polos
  • Aberto o prazo de inscrición aberto dende o 20 de xaneiro ata o 14 de marzo de 2025.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2025.