Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

A biblioteca da Facultade de Óptica e Optometría acolle a mostra itinerante "8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo"

A mostra "8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo" poderá visitarse na biblioteca de Óptica do 9 ao 16 de setembro. FOTO: Santi Alvite
A mostra "8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo" poderá visitarse na biblioteca de Óptica do 9 ao 16 de setembro. FOTO: Santi Alvite
A inauguración da mesma terá lugar o vindeiro luns 9 de setembro, coincidindo coa apertura do curso. O día 17 a mostra viaxará ata a biblioteca de Física, onde recalará ata o 27 de setembro. Aquí, a exposición ficará ampliada cunha escolma de obras de mulleres científicas na biblioteca.

A mostra bibliográfica "8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo" segue o seu percorrido polas diferentes bibliotecas da USC. Dende o vindeiro 9 de setembro poderase visitar na biblioteca de Óptica, onde permanecerá ata o día 17. A seguinte parada será na biblioteca de Física, onde ademais se incluirá unha mostra de obras de mulleres científicas do mesmo centro.

"8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo"
Organizada pola Biblioteca Universitaria, a mostra presenta unha selección de obras escritas por mulleres que mudaron o mundo con palabras, obras senlleiras da ecoloxía, a literatura ou a política escrita por mulleres; ten carácter itinerante e xa se puido ver na biblioteca da Facultade de Filoloxía, Económicas ou Concepción Arenal. A idea orixinal da exposición correspondelle á Federación Española de Asociaciones de Profesionales de los Archivos, las Bibliotecas, los Centros de Documentación, de Información y de Interpretación, los Museos y los Yacimientos Arqueológicos (ANABAD), e o deseño é de Pedro Quílez. Tratase dunha mostra que está presente noutras bibliotecas do estado. No caso da USC, fíxose a tradución ao galego e escolléronse as versións na nosa lingua para aquelas obras que contaban cunha edición en galego.

A mostra consta de nove paneis: un introdutorio e oito máis dedicados a unha muller e a súa obra, cun breve fragmento desta. As obras recollidas nos paneis son: Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851) de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889) de Bertha Von Suttner; O voto feminino e mais eu (1936) de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960) de Harper Lee;  Primavera silenciosa (1962) de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963) de Hanna Arendt e A mística da feminidade (1963) de Betty Friedan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2024.