Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 136 Horas de Titorías: 14 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Psicoloxía Social, Didáctica e Organización Escolar, Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, Teoría e Historia da Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
O Traballo Fin de Grao ten como obxectivo a acreditación por parte do alumno dos coñecementos e destrezas adquiridas durante os estudios de grao, a través da elaboración, presentación e defensa dun traballo orixinal centrado nalgúns dos ámbitos de intervención da Educación Social que se detallan máis abaixo.
A través do desenvolvemento do TFG o alumnado logrará:
1. Integrar os coñecementos teórico -práctico adquiridos ao longo da carreira.
2. Demostrar competencias para planificar, avaliar e innovar a práctica profesional.
3. Desenvolver de forma sistemática un traballo orixinal que inclúe como mínimo os seguintes aspectos:
a) Delimitación do tema
b) Formulación de obxectivos
c) Selección, análise e tratamento de información
d) Elaboración de conclusións e propostas de traballo
O TFG supón a realización por parte de cada estudante e de forma individual ou en grupo dun
traballo orixinal baixo a supervisión dun ou máis titores/as académicos. A posibilidade de elaboración grupal do traballo quedará supeditada á súa inclusión na guía do TFG do Grao correspondente, na que se especificarán as pautas para o seu desenvolvemento, informe e avaliación.
O traballo versará -en calquera das tres modalidades que se establecen-, sobre contidos relacionados coas funcións profesionais nalgún dos seguintes ámbitos da Educación Social:
- Educación en contextos familiares e en procesos de desenvolvemento comunitario
- Educación para a mediación, a inclusión social e a diversidade
- Educación do lecer, a animación e a xestión sociocultural
- Acción socioeducativa en infancia e mocidade
- Acción socioeducativa con persoas adultas e maiores
- Educación para a cidadanía e a cultura da sostenibilidade
Ofrécense tres modalidades de traballo:
a/ Traballo de investigación documental
O/a estudante realiza unha investigación que adopta como base a busca documental sobre unha temática específica, analizando con estas fontes o estado da cuestión dun problema ou realidade socioeducativa presentando un informe claro e coherente no que se achegue unha interpretación fundamentada e unha análise reflexiva sobre o obxecto de estudo.
b/ Traballo de iniciación á investigación
O/a estudante deseña, tomando como base a revisión da literatura básica sobre o tema ou realidade socioeducativa obxecto de análise, e se é o caso, leva a cabo, unha investigación na que desenvolve un estudo de campo que complementa a perspectiva teórica cos datos empíricos, dando conta no traballo dos elementos habituais nos informes de investigación.
c/ Deseño dun proxecto de intervención socioeducativa: Tomando como base a revisión da literatura básica sobre o tema ou realidade socioeducativa obxecto de intervención, do diagnóstico socioeducativo que xustifica a súa necesidade, e da contextualización da proposta (territorio, servizo, institución, etc.), o/a estudante realiza a planificación dunha intervención no ámbito socioeducativo, na que se integran aspectos das diversas áreas de coñecemento.
Con carácter orientativo, o traballo deberá adoptar a seguinte estrutura:
- Portada exterior na que figuren: denominación do Grao, título do traballo, nome completo de
autor/a, curso académico e convocatoria.
- Portada interior co título en galego, castelán e inglés.
- Compromiso de cumprimento da Lei de Propiedade Intelectual e a Lei de Protección de Datos.
- Índice dos capítulos e apartados.
- Abstract ou resumo (máx. 200 palabras) e palabras chave (5) en galego, castelán e inglés.
- Introdución .
- Desenvolvemento dos contidos en función da modalidade de TFG
-Conclusións
- Referencias documentais.
- Anexos, se procede.
A extensión poderá variar entre un mínimo de 30 páxinas e un máximo de 40, computables desde a introdución ata as referencias documentais.
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
American Psychological Association (2019). Publication Manual of the American Psychological Association. American Psychological Association.
Caro, Mª T., Valverde, Mª T., & González, M. (2015) Guía de trabajos Fin de Grado en Educación. Pirámide.
Melendo Granados, T.; Caldera, R.T.; Melendo Millán, I., & Leizaola, J. (2012). Cómo elegir, madurar y confeccionar un trabajo de investigación para triunfar en "Bolonia". Ediciones Internacionales Universitarias, D.L
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
Boeglin, M. (2007). Leer y redactar en la universidad: del caos de las ideas al texto estructurado. MAD.
Castello, M. (Coord.) (2007). Escribir y comunicarse en contextos científicos y académicos : conocimientos y estrategias. Graó.
Gala Merino, S. (2006). “Elaboración de proyectos de intervención en ámbitos sociales: la fase diagnóstica”, en J.R.Alberte Castiñeiras (Coord.), Atención a la diversidad en los albores del siglo XXI: propuestas. Tórculo.
León, O.G. (2005). Cómo redactar textos científicos en psicología y educación (consejos para escritores noveles de tesis doctorales, tesis de máster y artículos de investigación). Netbiblo.
Lirio Castro, J. (Coord.) (2005). La Metodología en educación social: recorrido por diferentes ámbitos profesionales. Dykinson.
Pérez Serrano, G. (2015). Elaboración de proyectos sociales: casos prácticos. Narcea.
Vicente Burgoa, L. (2008). Los caminos del trabajo intelectual: una guía para jóvenes trabajadores intelectuales. Netbiblo, D.L.
Vivanco Cervero, V. (2008). El don de la escritura: comunicar con estilo profesional. Paraninfo.
a) Competencias da titulación ás que contribúe a materia
Actualización e desenvolvemento de todas as competencias previstas na titulación, tanto xerais como específica. De xeito destacado:
1.2E Analizar criticamente as realidades socioeconómicas, políticas, educativas e culturais, así como os ámbitos da acción educativa nos que os educadores sociais desenvolven o seu labor profesional.
1.4E Seleccionar e facer uso de métodos e medios orientados ao coñecemento das realidades educativas e sociais, emitindo xuízos razoados sobre as informacións obtidas e a súa utilidade para o desenvolvemento da súa práctica profesional.
1.5E Proxectar a súa formación teórica e metodolóxica en iniciativas e prácticas educativas que dean resposta a necesidades e demandas sociais, en diferentes contextos e realidades, por se mesmo e/ou en colaboración con outros axentes da sociedade.
2.1E Deseñar, desenvolver e avaliar plans, programas, proxectos e actividades de intervención socioeducativa en diversos contextos institucionais e sociais.
2.4E Elaborar, xestionar e/ou utilizar medios e recursos socioeducativos que posibiliten un adecuado desenvolvemento do seu labor profesional e das institucións ou entidades nas que se leve a cabo.
2.5E Realizar e facer uso de informes técnicos, de investigación e avaliación sobre accións, procesos e resultados socioeducativos.
b) Competencias específicas da materia
1. Capacidade de autoorganización na planificación e desenvolvemento do labor investigador e/ou profesional tomando iniciativas e implicándose activamente na resolución de problemas.
2. Capacidade de autonomía na procura, selección e tratamento de información relevante para o obxectivo de traballo proposto.
3. Capacidade de aplicación integrada dos coñecementos e habilidades adquiridos ao longo do grado.
4. Capacidade de sistematización e presentación de información de xeito organizado e correcta desde o punto de vista académico e profesional, empregando diferentes códigos e recursos lingüísticos, materiais e tecnolóxicos.
5. Capacidade de reflexión e reformulación sobre o traballo desenvolvido, incorporando unha actitude autocrítica constructiva sobre o mesmo.
6. Capacidade de comunicación da proposta utilizando recursos expresivos e argumentativos.
De cara a favorecer a elaboración e desenvolvemento do Traballo Fin de Grao, dende a Coordinación do Título, desenvolveranse co alumnado tres sesións de información e orientación, sendo convocadas coa suficiente antelación.
Os TFG serán realizados baixo a supervisión dun titor ou titora que oriente e asista ao/á estudante.
O/a titor/a programará sesións de traballo con cada estudante, nas que establecerá a
programación das tarefas a realizar e orientará o traballo. Será responsable de expor ao/á
estudante as características do TFG, e de axudalo no seu desenvolvemento, na procura da
consecución dos obxectivos propostos; e de emitir un informe do TFG que teña tutelado. A Comisión Académica
poderá, excepcionalmente e de forma motivada, nomear un/ha cotitor/a coas funcións que lles
asigne.
O titor ou titora será ordinariamente Persoal Docente e Investigador (PDI) das áreas que impartan docencia na propia titulación ou téñaa impartida nos dous cursos anteriores.
Excepcionalmente tamén poderán ser cotitores profesores da USC que se atopen nas situacións
indicadas no artigo 5 da Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos TFG na USC.
Os traballos poderán desenvolverse parcialmente no marco de convenios con empresas ou
institucións. Neses casos a matrícula realizarase na USC pero poderá designarse un cotitor que
poderá ser persoal da institución na que se desenvolva o traballo. En todo caso a defensa e
avaliación dos traballos deberá realizarse na USC.
Solicitude de titor/a:
O alumnado matriculado no TFG cubrirá unha solicitude de asignación de titor/a do ordenando as súas preferencias unha vez consultada a relación de temas presentados por cada profesor/a.
O formulario entregarase na Secretaría da Facultade nos prazos fixados a tal fin pola Comisión Académica en cada período de matrícula ordinaria.
Criterios de asignación: tendo en conta como criterio as preferencias expresadas na solicitude e tomando como criterio selectivo o expediente académico do/a alumno/a.
Realizada a asignación cada estudante deberá contactar co/a titor/a a fin de
delimitar o traballo a realizar e asinar un compromiso de inicio do TFG, que deberá remitirse á Comisión Académica, a través da Secretaría da Facultade no prazo dun mes desde a aprobación da asignación,
coa seguinte información:
a) Título do TFG.
b) Resumo da proposta
c) Sinatura do titor/a e do alumno/a e data.
Comité de Ética:
Tal e como se recolle na Resolución Reitoral 4/2021, sobre propostas de traballos académicos do tipo proxecto de investigación e/ou intervención con seres humanos, as súas mostras e os seus datos, o alumnado que opte pola modalidade de investigación para a elaboración do TFG, deberá contar coa autorización do Comité de Ética da USC para poder recoller os datos precisos para a elaboración do traballo.
A solicitude realizarase a través do/a profesor/a titor/a, que remitirá ao Decanato toda a información necesaria (formulario de solicitude oficial, consentimento informado, declaración responsable e compromiso de confidencialidade, etc.) para o Comité de Ética da Facultade, que revisará e tramitará o informe positivo para enviar ao Comité de Ética da USC, que é quen emite a autorización definitiva que o alumnado debe presentar no centro e/ou ás persoas para recoller os datos para o TFG.
Para poder defender o TFG na modalidade de investigación, onde polas súas características necesita a autorización do Comité de Ética da USC, é necesario contar con esta autorización, que se engadirá ao documento final que o alumnado debe subir á súa Secretaría Virtual no momento de depositar o TFG.
A Comisión Académica aprobará e publicará o calendario de depósito e defensa dos TFG.
Entre o depósito e a exposición do traballo deben mediar, polo menos, 7 días naturais.
O alumnado poderá elixir entre dúas modalidades de avaliación, ámbalas dúas en defensa pública:
1) avaliación por un tribunal composto por tres profesores/as da USC que impartan docencia no Grao do que non poderá formar parte o titor/a. A cualificación do tribunal poderá ser no intervalo 0-10 puntos, sendo requisito para a mención de “matrícula de honra”.
Os membros dos tribunais encargados de avaliar os TFG, serán docentes do grao nese curso académico.
2) Avaliación polo titor/a ao abeiro do artigo 6.7 do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2016, e pola Xunta de Facultade do 22 de abril de 2016. Neste suposto, o/a Titor/a será o/a encargado/a da avaliación e a cualificación non poderá ser superior a notable (8.0).
O tribunal poderá invitar ás deliberacións ao/á titor/a, en calidade de asesor, con voz pero sen voto.
En ambas modalidades de avaliación teranse en conta os seguintes criterios:
Presentación escrita: máximo 70% da cualificación.
a) Relevancia do obxecto de estudo seleccionado para a profesión, tanto a nivel de coñecemento científico como de achega á práctica profesional.
b) Suficiencia, relevancia e actualidade das fontes consultadas.
c) Xustificación, pertinencia e coherencia do proceder metodolóxico.
d) Concreción e relevancia dos resultados e conclusións atendendo ao ámbito de estudio, aos obxectivos formulados, á reflexión sobre a profesión e á formación recibida.
e) Presentación escrita: calidade da presentación escrita, adecuación ás normas e aspectos formais requiridos, corrección gramatical, coherencia e claridade na redacción.
Presentación oral e defensa do TFG: máximo 30% da cualificación
a) Calidade, adecuación e capacidade síntese na expresión oral
b) Calidade e adecuación dos soportes empregados na exposición
c) Habilidade no manexo de tecnoloxías e/ou materiais previstos na exposición.
d) Capacidade e calidade de argumentación ás preguntas e observacións que puideran formularse polo tribunal ou titor/a.
A aprendizaxe na asignatura apóiase en:
Lectura detida e reflexiva do programa da materia e da guía para a elaboración do TFG.
- Participación activa nas sesións e/ou seminarios informativos xerais que se planifiquen.
- Asistencia ás titorías e realización das tarefas indicadas polo titor ou titora.
- Traballo planificado e continuado individual ao longo do curso.
- Presentación en prazo dos traballos encomendados no proceso de elaboración do TFG.
A normativa que regula os TFG na titulación e que deberá terse en conta é:
a) “Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela aprobada polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2017” regula la realización del TFG. Pódese consultar en: http://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/servizos/oiu/descar…
b) Regulamento dos Traballos Fin de Grao da Facultade de Ciencias da Educación, aprobada polo "Consello de Goberno" 31 de xaneiro de 2017.
As tarefas de titorización do TFG adecuaranse ó encargo docente recoñecido polo reitorado de 4 horas no caso dos Graos de Pedagoxía e Educación Social e 5 horas no caso do Grao de Mestre en Educación Infantil e Primaria por alumno/a.
OUTRAS OBSERVACIÓNS:
- A entrega do TFG realizarase a través da Secretaría virtual do/a alumno/a.
- Perspectiva de xénero: Recoméndase facer uso da linguaxe non sexista, tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pode obterse información ao respecto no enlace:
http://www.usc.gal/gl/servizos/area/igualdade/cultura-institucional
- Obrigatoriedade de uso da conta de correo institucional rai como medio de comunicación entre o profesorado supervisor, o profesorado titor, as coordinacións, etc.
- Obrigatoriedade de emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
- Non se poderá empregar o de teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose o alumnado das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
- Ter en conta que o ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é un proceso privado, enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
- Obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
ACTIVIDADES FORMATIVAS:
- En colaboración coa Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación realizaranse diversas accións formativas co obxecto de mellorar as competencias informacionais do alumnado e asegurar un axeitado desenvolvemento do TFG.