Obxectivos
A Estación de Bioloxía Mariña da Graña (EMBG) é unha institución científica creada co fin de fomentar e facilitar a investigación, divulgación e docencia en bioloxía mariña, así como servir como centro de referencia para o asesoramento en temas relacionados coa calidade e diversidade do medio mariño. A EMBG pretende facilitar as súas instalacións e medios aos investigadores para o desenvolvemento de todo tipo de traballos de investigación e o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras universidades e institucións nacionais e estranxeiras.
Dotacións da EMBG
As instalacións da EMBG están distribuídas en dous edificios:
A Casa do Hórreo
Este edificio está destinado á investigación. Posúe:
- Dous laboratorios de investigación con acuarios de auga de mar e equipamento científico de estereomicroscopios, microscopios, cámaras dixitais, balanzas de precisión, estufas de desecamento, campá de extracción de gases etc.
- Laboratorio húmido con acuarios de auga de mar circulante en circuíto aberto.
- Biblioteca e sala de ordenadores.
- Cámara de investigación con control de temperatura e fotoperíodo.
- Sala de mergullo con compresor para carga de botellas.
- Dúas cámaras de conxelación de -20 °C.
- Tanque de auga de mar de 15 m3.
A Casa da Estrela
Este centro está dedicado a fins docentes e residencia de estudantes e investigadores. As prestación que ofrece inclúen cociña, comedor e zona para reunións, coa finalidade de facilitar a realización de actividades formadoras para os alumnos de 1.º, 2.º e 3.º ciclo. A Casa da Estrela conta con:
- Laboratorio docente para 24 alumnos equipado cun estereomicroscopio e un microscopio para cada un e para o profesor; ademais ten circuíto pechado de TV, dúas campás de extracción de gases, un cribo de sedimentos, unha mufla, unha estufa de desecamento, un micrótomo e outro material para histoloxía.
- Aula-seminario de 32 prazas.
- Dous cuartos duplos con baño para profesores ou investigadores.
- Seis cuartos cuádruplos para alumnos ou investigadores.
- Sala de lecer, comedor e pequena cociña.
Actividades e servizos
Na EMBG lévanse a cabo tarefas de recolección, separación e identificación de fauna bentónica, determinación de parámetros físico-químicos en auga e en sedimento, análise sedimentoloxica, extracción e amplificación de ADN, así como en microtomografía computarizada.
A EMGB colabora en actividades científicas con numerosas universidades e institucións tanto nacionais como estranxeiras, ao tempo que da asesoría ambiental a organismos públicos e privados.
A Estación de Bioloxía Mariña da Graña, é membro da Rede Europea de Estacións Mariñas, que reúne ás Estacións Mariñas europeas nunha asociación que promove e facilita o establecemento de redes de monitorización da calidade das augas mariñas europeas, o intercambio científico e a realización de proxectos de ámbito europeo en conxunto con Estacións Mariñas de toda Europa.
Docencia
O apoio á docencia universitaria e a divulgación da biodiversidade mariña é unha parte fundamental na actividade da EBMG, desenrolando nas súas instalacións parte da docencia do Máster interuniversitario de Bioloxía Mariña e a docencia práctica de distintos graos e materias de Universidades galegas e internacionais. Relacionado con esta divulgación de coñecemento científico, a EBMG organiza periodicamente cursos, obradoiros e congresos de índole nacional e internacional.
Calidade
A Dirección promove o mantemento e mellora continua da xestión e o desempeño dun Sistema de Xestión da Calidade (ISO 9001:2015) e Ambiental (ISO 14001:2015) poñendo en xogo todos os recursos que considere necesarios para o fortalecemento destas bases e a consecución dos seus obxectivos.