A actividade do CETUR estructúrase en diferentes áreas de traballo, asociada cada unha delas aos obxectivos estratéxicos e operativos establecidos.
Son:
- Área de actividades docentes, na que se promoven e desenvolven cursos de especialización e/ou formación continua no campo do turismo.
- Área de investigación, encargada de incentivar, promover e coordinar os diferentes equipos de investigación integrados no propio CETUR.
- Área de relacións exteriores, encargada de propor e asinar convenios con outros centros converxentes co CETUR, estimulando principalmente a colaboración intercentros a nivel nacional e internacional.
- Área de actividades, destinada á promoción e desenvolvemento de todo tipo de actos e actividades destinadas á divulgación e aprendizaxe de coñecementos relacionados co turismo (seminarios, congresos...).
O programa de actividades proposto desde o CETUR enmárcase fundamentalmente en tres eixos de actuación. En particular:
- O Observatorio Turístico das cidades de Lugo e Santiago de Compostela, continuando co traballo iniciado e desenvolvido ao longo dos anos 2005 e 2006.
- Estudos e proxectos encargados por diferentes administracións públicas e polo sector privado
- Formación, tratando de abranguer as distintas áreas e temáticas que, ao noso entender, son na actualidade de especial interese para o sector.
A realización de estudos e proxectos estará en relación coas solicitudes que se nos fagan desde as administracións públicas e o sector privado, considerando sempre a capacidade para levalo adiante. Entre os traballos, que xa están comprometidos, figura o proxecto financiado, por convocatoria pública, pola Dirección Xeral de I+D da Xunta de Galicia sobre as necesidades de aloxamento turístico en vilas e cidades históricas. Un convenio con Turismo de Santiago permitirá manter e ampliar o estudo sobre turismo de reunións en Santiago de Compostela. Finalmente, estase a colaborar na elaboración das propostas do Plano Estratéxico da Provincia da Coruña, no Observatorio Urbano de Santiago e na proposta para a solicitude dun Plano de Dinamización do Produto Turístico da área metropolitana da Coruña.