Créditos ECTS Créditos ECTS: 12
Horas ECTS Criterios/Memorias Horas de Titorías: 14 Clase Interactiva: 5.5 Total: 19.5
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Ciencias da Comunicación
Áreas: Xornalismo
Centro Facultade de Ciencias da Comunicación
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
O alumnado adquire competencias propias do traballo en profundidade dun aspecto concreto dos contidos do máster, que se recomenda que coincida con algún dos aspectos incluídos nas materias de especialidade, de tela cursado. Ademais das diferentes metodoloxías que se poidan considerar, os estudantes poderán coñecer empiricamente todas as posibilidades e oportunidades que supón a elaboración dun produto final.
O alumnado xa adquiriu coñecementos específicos no grao e no máster. O obxectivo do Traballo Fin de Máster é desenvolver en profundidade un determinado aspecto das temáticas abordadas nas materias obrigatorias e, preferentemente, de especialidade. O Traballo Fin de Máster consistirá na elaboración dun documento ou produto escrito, audiovisual ou sonoro a partir das directrices fixadas polo profesor-titor e consensuadas co/a alumno/a, no que se acrediten os coñecementos, competencias e destrezas adquiridas durante os estudos realizados na titulación de Máster. Incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción e presentación e defensa. O TFM ten o obxectivo de emitir reflexións de índole social, científica, profesional, tecnolóxica ou ética; doutra parte, resolver produtos que anoven e completen aqueles modelos, aplicacións e paradigmas aprendidos durante a titulación, e que son froito dunha ideación e produción orixinal por parte dos seus autores.
As ideas concretas das liñas de TFM propóñense e apróbanse cada curso, en función das tendencias informativas, comunicacionais e mediáticas dominantes en cada momento, motivo polo que os contidos dos TFM deberán axustarse ao que estableza a convocatoria anual que publique a Facultade de Ciencias da Comunicación.
O TFM supón a realización por parte de cada estudante dun traballo orixinal baixo a supervisión dun ou máis titores académicos. Poderá realizarse de forma individual ou en grupo (sen exceder de cinco persoas), no idioma galego, en castelán ou en inglés. A modalidade de TFM do itinerario investigador é o estudo teórico escrito.
Este traballo responderá á estrutura e presentación mínimas dunha exposición de carácter académico e, segundo aconsellen axeitado os titores dependendo das características do traballo, esta poderá ser:
- Portada exterior: logo da USC, titulación, curso académico, título do traballo, nome completo do/a alumno/a e do/a titor/a.
- Portada interior: título do traballo en galego, castelán e inglés.
- Resumos (máx. 200 palabras) e palabras chave (5) en galego, castelán e inglés.
- Índice dos capítulos e apartados.
- Desenvolvemento dos contidos en función da modalidade de TFM. No caso do estudo teórico, procede incluír os seguintes apartados: (a) introdución (estado da arte ou antecedentes, marco teórico, motivación, formulación do problema, obxectivos, preguntas ou hipóteses); (b) metodoloxía (tipo de investigación, deseño da investigación, métodos de traballo, técnicas e instrumentos empregados); (b) resultados (descrición e interpretación dos datos, análise).
- Conclusións.
- Referencias (normas APA).
- Anexos, se procede.
Condicións formais
Estudo teórico escrito
É un traballo escrito de investigación ou exploración dun tema no que se relacionan conceptos ou principios teóricos, ou tamén, de comprobación dun determinado procedemento metodolóxico que aporte unha nova visión sobre un tema ou concepto estudado nunha ou varias materias dun módulo ou de materias de varios módulos da titulación. Doutra parte, inclúense neste tipo de traballos teóricos as memorias bibliográficas enfocadas á revisión de conceptos, principios ou métodos que comparen, revisen a traxectoria ou o desenvolvemento do coñecemento nun ou en varios autores.
Nesta categoría inclúense tamén aquelas propostas escritas que se orientan a unha realización reflexiva e aplicada dunha determinada práctica científica ou profesional. Tamén aqueles traballos enfocados especificamente á estimación, valoración e interpretación aplicada que tenten, desde os datos conseguidos na práctica da exploración, promover unha idea ou acción determinadas, ou ben, resolver unha problemática de carácter social e/ou cultural (institucional, de grupos, organizacións, etc.).
En todo caso, o estudo teórico debe aportar unha actualización ou innovación a través da argumentación teórica, da análise ou interpretación dos datos ou dos procedementos, da integración da información recollida polo autor do traballo, definindo os elementos, axentes, contextos... que interveñan no proceso ou que sexan precisos para resolver unha contribución teórica, un deseño de procedemento ou unha revisión bibliográfica nunha investigación.
A extensión do estudo, consonte ás horas de dedicación ao traballo, deberá chegar ás 90 páxinas escritas (27000 palabras), excluídas as notas e referencias que serán dispostas ao final do documento.
No caso de traballos en grupo, aconséllase que o número de autores non supere as tres persoas. En todo caso, seguindo a normativa, os titores poden coordinar estudos en grupo entre varios TFM, desde distintos tratamentos ou enfoques, cuns mesmos obxectivos e resultados de produción converxentes. Os textos deberán superar a extensión requerida nos traballos individuais, acadando nestes a extensión a maiores que considere axeitada o/a titor/a para o mellor desenvolvemento do traballo. A continuación do texto do estudo e as súas respectivas notas e referencias, os/as autores engadirán un comentario de cinco páxinas (1500 palabras) por persoa no que se indicará: nome e apelidos do/a alumno/a e as seguintes epígrafes: (a) funcións e tarefas desempeñadas; (b) procedementos empregados para resolver as súas tarefas; (c) experiencia e capacitación obtida; (d) crítica construtiva respecto do estudo realizado en grupo, indicando as posibles discrepancias ou propostas persoais que mellorarían dito traballo.
Será recomendada polo/a tutor/a, dependendo das necesidades específicas de cada TFM.
COMPETENCIAS BÁSICAS E XERAIS (CB e CG)
CB9 - Que os estudantes saiban comunicar as súas conclusións e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan a públicos especializados e non especializados dun modo claro e sen ambigüidades
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS (CE)
CE25 - Realizar actividades de divulgación científica a través de publicacións da área con propostas de artigos baseadas en investigacións propias desenvolvidas polo alumnado.
CE26 - Elaborar un produto ou unha acción de comunicación real e desenvolvela.
A metodoloxía será proposta por cada titor/a en función das necesidades específicas de cada proxecto. Segundo a súa natureza, pode requirir espazos e equipos técnicos.
Cada estudante contará cun docente a cargo da súa titorización entre o profesorado das áreas que imparten docencia no título. A función dos titores é a de autorizar e preparar co alumno a proposta de traballo a presentar na convocatoria correspondente, aconsellar sobre metodoloxías e instrumentos de investigación, referencias e materiais para a consecución do traballo e facer un seguimento das tarefas do alumno ata a defensa do traballo. O/a titor/a, asemade, organizará un calendario de atención ao/á alumno/a en titorías segundo a carga lectiva do TFM correspondente á titulación.
Os titores deberán emitir un informe de conformidade coa defensa (previo á solicitude) e un informe de valoración, ben sexa para cualificar a realización do traballo individual dun só alumno ou da avaliación individual de cada un dos autores, no caso de traballos en grupo. Dito informe de valoración, será entregado ao tribunal no momento da defensa para a súa consideración.
O sistema de avaliación considera o traballo elaborado e a súa presentación en acto público. De acordo coa normativa, o/a alumno/a deberá ter o resto dos créditos do Máster superados para realizar a defensa do TFM.
Teranse en conta os seguintes aspectos na avaliación:
- Relevancia do obxecto de estudo seleccionado, tanto a nivel de coñecemento científico como de achega á práctica profesional.
- Xustificación da toma de decisións no proceso de elaboración do TFM.
- Presentación escrita do TFM.
- Presentación oral e defensa do TFM (tempo de exposición máximo: 15 minutos).
A cualificación final consistirá en:
- Valoración do TFM escrito: 70%.
- Exposición e defensa do TFM: 30%.
No caso de traballos grupais, a cualificación sempre será de carácter individual, avaliándose a participación de cada estudante no resultado global.
Os traballos serán avaliados por un tribunal formado por tres profesores da USC que impartan docencia no Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia, do que poderá formar parte o/a titor/a do traballo. Os membros dos tribunais que avaliarán o TFM e os suplentes serán nomeados pola Comisión Académica para cada convocatoria. A avaliación por un tribunal en defensa pública será un requisito para optar a unha cualificación superior a Notable e á mención de "Matrícula de Honra". O tribunal terá en conta o informe do titor durante a avaliación, con carácter informativo sen peso específico na cualificación.
O sistema de avaliación na segunda oportunidade será o mesmo que na primeira oportunidade.
• No caso de plaxio ou uso indebido das tecnoloxías na realización de tarefas ou probas: “Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión das cualificacións”.
• A defensa do traballo farase na data e hora que figure na convocatoria. De non presentarse o/a alumno/a á defensa, a súa cualificación será de Non Presentado.
O TFM no Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia require a superación de 12 créditos ECTS (300 horas). Para iso, o/a alumno/a deberá asumir a un total de 10 horas de titorías e as 290 restantes dedicadas ao traballo persoal na realización do proxecto e preparación da súa presentación.
Recoméndase para un mellor seguimento do TFM consultar a convocatoria que publica a Facultade de Ciencias da Comunicación en cada curso académico.
Espazo web do TFM da Facultade de Ciencias da Comunicación:
https://www.usc.gal/es/centro/facultad-ciencias-comunicacion/tfm