Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Grao en Empresa e Tecnoloxía

  • Nova oferta
  • En extinción
Modalidade
Presencial
Rama de coñecemento
Ciencias Sociais e Xurídicas
Centro(s)
Facultade de Administración e Dirección de Empresas
Avda. Alfonso X O Sabio, s/n, 27002
Lugo
982824430 (Conserxaría)
982824403 (Decanato)
ade.decanato@usc.gal
Campus
Lugo
Entrada da Facultade

O Grao en Empresa e Tecnoloxía combina coñecementos en administración e dirección de empresas e en tecnoloxía, de tal xeito que o alumnado comprenda que a xestión empresarial está ligada a unha realidade marcada polos procesos e servizos dixitais.
Este grao prepara profesionais capaces de afrontar os cambios tecnolóxicos que se están producindo no ámbito empresarial.

  • Duración: 4 anos académicos
    Código RUCT: 2504171
    Número prazas: 35

    Decano/a ou director/a do centro:
    ROBERTO BANDE RAMUDO

    Coordinador-a do título:
    Ada Maria Perez Pico
    adamaria.perez@usc.es

    Linguas de uso:
    Castelán, Galego

    Nivel MECES: 2

    Universidade coordinadora:
    Universidade de Santiago de Compostela

    Universidade(s) participante(s):
    Universidade de Santiago de Compostela

    Data da autorización de implantación do título pola Xunta de Galicia:
    Orde do 16/06/2020 (DOG do 1/07/2020)

    Data de publicación no BOE:
    07/05/2021

    Data da última acreditación:
    18/05/2020

    O Grao en Empresa e Tecnoloxía é un título de recente implantación na USC, e concretamente, no campus de Lugo. Impártese na Facultade de Administración e Dirección de Empresas dende o curso 2020/2021. Trátase dunha titulación singular que só se imparte noutras tres universidades españolas sitas en Madrid e Barcelona.

    O Grao en Empresa e Tecnoloxía ten como obxectivo formar profesionais capaces de xestionar a innovación tecnolóxica nas empresas, con amplos coñecementos na aplicación das solucións da tecnoloxía á xestión empresarial. Por iso, esta titulación imparte coñecementos específicos de materias empresariais e tecnolóxicas, promovendo dun xeito eminentemente práctico o desenvolvemento de habilidades directivas para a iniciativa empresarial.

    Estes profesionais acabarán os estudos con amplos e profundos coñecementos na dirección e administración de empresas e no contexto tecnolóxico, o que supón unha diversidade de competencias e habilidades no contexto do márketing dixital, dirección estratéxica e xestión da innovación, economía dixital, sistemas integrados de xestión, aplicacións web e móbiles, tecnoloxías para procesos en industrias intelixentes, ou xestión de proxectos entre outras.

  • Esta titulación contempla dúas mencións:

    -Mención en Desenvolvemento Empresarial e Emprendemento
    -Mención en Xestión da Información e da Tecnoloxía

    O alumno pode optar por obter a titulación cunha mención, para o que deberá cursar os 31,5 créditos optativos do módulo de mención correspondente. Tamén pode optar por obter a titulación sen mención, podendo elixir materias optativas de calquera dos dous modulos de mención indiferentemente.

  • A Facultade de Administración e Dirección de Empresas ten a súa sede nun edificio moderno, funcional e adaptado ás persoas con discapacidade.

    Os espazos dedicados á docencia son 8 aulas de gran capacidade, 4 aulas de informática e 4 seminarios. Todos eles están equipados con ordenador, pizarra dixital e proxector de vídeo, e contan cos medios técnicos necesarios para impartir docencia en streaming.

    Entre os espazos para uso do alumnado destacan a sala de lectura e a sala de traballo en grupo, con capacidade para 40 estudantes cada unha. Sinalar tamén que a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo está situada a escasos metros da Facultade e conta con máis de 1600 postos de consulta repartidos en 9 salas, incluíndo unha sala de traballo en grupo.

    Para a celebración de xornadas, conferencias, etc., o centro conta cunha aula magna e cun salón de graos con capacidade para 240 e 91 persoas respectivamente. Tamén dispón dunha sala de xuntas preparada para a realización de videoconferencias con capacidade para 30 persoas.

    En todos os espazos do centro está garantido o acceso a internet de calidade, tanto por cable como por wifi.

    Por último, destacar que a Facultade dispón de servizo de cafetería e comedor con prezos regulados.

  • O novo Grao de Empresa e Tecnoloxía está orientado á formación de profesionais cunha mentalidade flexíbel e con visión de futuro, cuns amplos coñecementos nas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), e no manexo e análise de información para poderen adoptar decisións empresariais con maiores garantías de éxito. A capacitación en competencias tecnolóxicas no sistema educativo maniféstase como un alicerce básico para aumentar a competitividade das empresas, co obxectivo final de mellorar o desenvolvemento económico e contribuír ao benestar social. Polo que o novo impartirá coñecementos específicos de materias empresariais e tecnolóxicas, promovendo dun xeito práctico o desenvolvemento de habilidades directivas para a iniciativa empresarial, como o liderado, a iniciativa, a creatividade, a toma de decisións, a comunicación e o traballo en equipo, entre outros.

    Outro dos obxectivos fundamentais formulados para o Grao en Empresa e Tecnoloxía é a formación de profesionais que poidan exercer de ponte de comunicación entre as comunidades técnicas e de xestión das organizacións, proporcionando á xestión novas formas de utilizar a tecnoloxía e facilitando aos tecnólogos orientación sobre que crear ou como adaptar mellor as súas creacións ás necesidades reais do negocio.

  • Mobilidade

    A planificación e xestión dos programas de mobilidade de estudantes desenvólvese por medio da actuación coordinada de varios actores: o Vicerreitorado competente en relacións exteriores e o Servizo de Relacións Exteriores da Universidade a nivel centralizado; o Responsábel Académico de Mobilidade (RAM); os Coordinadores Académicos dos distintos programas e a Unidade de Xestión de Centro e Departamentos (UGCD) a nivel de facultade. Cada un deles ten unhas determinadas funcións que veñen recollidas no “Regulamento dos Intercambios Interuniversitarios”.

    A mobilidade dos estudantes propios realízase a partir do segundo ano de estudos na titulación, en períodos semestrais ou anuais. A selección e asignación de destinos aos candidatos lévase a cabo de acordo co establecido na convocatoria correspondente e no “Regulamento de Intercambios Interuniversitarios”.

    A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa):

    Portal Internacional

    Prácticas

    O alumnado do Grao deberá cursar obrigatoriamente 16,5 créditos de prácticas realizadas en empresas relacionadas coa titulación. Esta materia ofértase no último semestre.

    O obxectivo fundamental é que o alumnado desenvolva as competencias adquiridas nas materias do Grao através da súa inmersión nun contorno laboral representativo do seu contexto profesional futuro.

    As prácticas organizaranse co fin de garantir a calidade, o recoñecemento académico e o aproveitamento máis axeitado por parte do alumnado. Para iso os estudantes terán un/a titor/a externo/a pertencente á institución en que se levan a cabo as prácticas, que se coordinará cun titor/a académico/a que realizará a avaliación en función da memoria que o estudante realizará e do informe emitido polo/a titor/a externo/a.

    Poderán realizarse en organismos ou entidades colaboradoras, tais como empresas, entidades públicas e privadas, relacionadas co ámbito empresarial nun sentido amplo. Tamén poderán realizarse en instalacións da USC.

  • O alumnado deberá realizar un traballo fin de grao de 6 créditos ofertados no último semestre do título. A temática do TFG debería estar relacionada coas prácticas en empresas, as distintas mencións ou a dixitalización dunha área da empresa.

    Ao completar a materia o/a alumno/a será capaz de:

    -Realizar e presentar un traballo no cal demostre as competencias adquiridas ao longo dos seus estudos.
    -Expoñer verbalmente e por escrito con claridade os aspectos fundamentais do seu traballo, facendo uso da terminoloxía propia empresarial e das tecnoloxías dixitais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2024.