O título de Grao en Óptica e Optometría pola USC ten como obxectivo formar titulados en Óptica e Optometría altamente cualificados para o coidado da saúde visual mediante o desenvolvemento de actividades dirixidas á prevención, detección, avaliación e tratamento das alteracións da visión, que dean resposta ás demandas da sociedade. Para iso adquirirán os resultados de aprendizaxe dirixidos á realización de exames visuais e oculares, deseño, verificación e adaptación de sistemas ópticos, deseño e desenvolvemento de programas de adestramento visual e deseño e propostas de avances ergonómicas. Todo iso desde o compromiso cos principios éticos e deontolóxicos da profesión de Óptico-Optometrista (https://coocv.com/codigo-deontologico/). Os obxectivos do título, definidos na Orde Ministerial CIN/727/2009, son os seguintes:
1. Coñecer, deseñar e aplicar programas de prevención e mantemento relacionados coa saúde visual da poboación.
2. Realizar exames visuais con eficacia en cada unha das súas fases: anamneses, elección e realización de probas diagnósticas, establecemento de prognóstico, elección e execución do tratamento e redacción, se procede, de informes de remisión que establezan os niveis de colaboración con outros profesionais, a fin de garantir a mellor atención posible para o paciente.
3. Asesorar e orientar ao paciente e familiares durante todo o tratamento.
4. Ser capaz de reflexionar criticamente sobre cuestións clínicas, científicas, éticas e sociais implicadas no exercicio profesional da Optometría, comprendendo os fundamentos científicos da Óptica-Optometría e aprendendo a valorar de forma crítica a terminoloxía, ensaios clínicos e metodoloxía da investigación relacionada coa Óptica-Optometría.
5. Emitir opinións, informes e peritaxes cando sexa necesario.
6. Valorar e incorporar as melloras tecnolóxicas necesarias para o correcto desenvolvemento da súa actividade profesional.
7. Ser capaz de levar a cabo actividades de planificación e xestión nun servizo ou pequena empresa no campo da Óptica-Optometría.
8. Ser capaz de planificar e realizar proxectos de investigación que contribúan á produción de coñecementos no ámbito de Optometría, transmitindo o saber científico polos medios habituais.
9. Ampliar e actualizar as súas capacidades para o exercicio profesional mediante a formación continuada.
10. Ser capaz de comunicar as indicacións terapéuticas de saúde visual e as súas conclusións, ao paciente, familiares, e ao resto de profesionais que interveñen na súa atención, adaptándose ás características socioculturais de cada interlocutor.
11. Situar a información nova e a interpretación da mesma no seu contexto.
12. Demostrar a comprensión da estrutura xeral da optometría e a súa conexión con outras disciplinas específicas e outras complementarias.
13. Demostrar e implementar métodos de análise crítica, desenvolvemento de teorías e a súa aplicación ao campo disciplinar da Optometría.
14. Demostrar que posúe coñecementos, habilidades e destrezas na atención sanitaria do paciente.
15. Demostrar capacidade para actuar como axente de atención primaria visual.
16. Demostrar capacidade para participar de forma efectiva en grupos de traballo unidisciplinar e multidisciplinar en proxectos relacionados coa Optometría.
17. Incorporar os principios éticos e legais da profesión á práctica profesional, respectando a autonomía do paciente, os seus determinantes xenéticos, demográficos, culturais e socioeconómicos, integrando os aspectos sociais e comunitarios na toma de decisións, aplicando os principios de xustiza social na práctica profesional, nun contexto mundial en transformación.
18. Adquirir a capacidade para realizar unha xestión clínica centrada no paciente, na economía da saúde e o uso eficiente dos recursos sanitarios, así como a xestión eficaz da documentación clínica con especial atención á confidencialidade.