A campaña vai dirixida, en primeiro lugar, ao alumnado novo que chega ao centro, co obxectivo de que manteña o uso do galego ou mesmo o incorpore ou o aumente.
A maioría do alumnado é galego, máis concretamente da área de influencia da USC, e só o 0,45% é doutras comunidades e o 1,7%, internacional. Como na docencia se usa principalmente o castelán (só o 8% das horas de clase do grao en Bioloxía se imparten en galego), hai alumnado, malia ser en boa parte galegofalante ou bilingüe, que acaba abandonando en maior ou menor grao a nosa lingua, por presión ambiental.
Daquela, quixemos demostrar que se pode vivir en galego na Facultade de Bioloxía, que hai alumnas e alumnos, doutorandos e docentes que seguen falando en galego, tamén nas aulas e nos laboratorios, ou que aproveitaron o cambio que supuxo vir a Santiago e á Universidade para engadir un "máis galego" á súa vida. E que non teñen problemas por iso: nin cos demais compañeiros e compañeiras -moitos dos cales tamén falan galego e se atopan na mesma situación-, nin co profesorado -aínda que imparta clases en castelán-, nin coa súa vida académica, nin cos seus progresos como novos investigadores nin na súa carreira docente nin con alumnado que vén de fóra e é quen de levar matrícula de honra nunha materia en galego.
Primeiro compartiron as súas vivencias e reflexións lingüísticas e logo puxeron a súa cara e as súas razóns para falaren galego en Bioloxía na campaña as alumnas e alumnos Patricia Hermida, Lara Gómez, Xocas Vázquez e Mariña Rodríguez (2022) Lúa Castelo Martínez, Pablo Colmenero Crispín, Alba Paz Castro, Santiago Feijoo-Montenegro, Paula Quintela Rodríguez (2019); os doutorandos Daniel Sobrido Cameán e Francisco Fontenla Iglesias (2019); e os profesores Otilia Reyes (2022), Eva Candal, Manuel Noia Lugrís, Xesús Lamas e Carlos Rodríguez Osorio (2019). Beizón a todas elas/eles!
O galego ten razóns. E ti, que razón tes?
Patricia, Lara, Xocas, Otilia e Mariña son estudantes e docentes da Facultade de Bioloxía da USC que nos explican as súas razóns para utilizar o galego na súa actividade académica na Facultade. Este vídeo dálle continuidade á campaña desenvolvida no mesmo centro en 2019, que podes ver máis abaixo.
Once estudantes e docentes da Facultade de Bioloxía da USC explícannos as súas razóns para seguir utilizando o galego na súa actividade académica na Facultade. Podes velos/as e escoitalos/as a través destes breves vídeos:
A campaña organizouse arredor da idea das razóns, das motivacións que se poden ter para manterse en galego (ou incorporalo en maior medida) a pesar da presión ambiental. Tratábase de mover a reflexionar e dar referentes. De aí os lemas da campaña.
Artéllase en tres momentos, co seu respectivo material e actuacions:
- Concitar interese: carteis na facultade coas caras destas persoas e frases descontextualizadas, que levan a pregunta "E ti, que razón tes?
- Explicar: vídeos en que interveñen estas persoas explicando máis polo miúdo as súas razóns, entresacadas de gravacións previas en bruto; os vídeos movéronse polas redes sociais tanto institucionais como do propio alumnado, e podíase chegar tamén a eles a través do código qR dunha nova cartelaría que desvela o motivo da capaña. Responde ao lema "O galego ten razóns"
- Tentar facer reflexionar, a xeito de compromiso, a máis alumnado: mediante un photocall, cuxas fotos tamén se comparten nas redes sociais
A campaña ten lugar en abril de 2022 e en outubro de 2019 na Facultade de Bioloxía da USC, como resultado dunha proposta da Comisión de Normalización Lingüística de Bioloxía.
- Carteis da primeira fase da campaña (comprimidos)
- Carteis da segunda fase da campaña (comprimidos)
- Vídeos
- Imaxes do photocall: Instagram, Facebook
- Impacto da campaña.