Campaña de normalización lingüística, Facultade de Medicina e Odontoloxía. Outubro, novembro e decembro de 2021.
A boa medicina é unha campaña de dinamización lingüística da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC destinada a limar os prexuízos que poida traer o alumnado, especialmente o de 1º curso e o que chega desde fóra de Galicia, pois a presenza do galego na docencia é moi cativa (un 2,36% do total de horas de clase no curso 20-21) e entre o alumnado retráese por mor da converxencia lingüística típica galega: o alumnado galego carrexa. en moitas ocasións, os seus propios prexuízos lingüísticos e o contacto con compañeiros e compañeiras de fóra de Galicia ás veces contribúe a consolidalos e a que o uso do galego diminúa. Ademais, aquelas alumnas e alumnos que usan o galego con normalidade, na única facultade de medicina do mundo en que teñen dereito a usalo, vense ás veces en situacións incómodas.
Con esta campaña queremos conseguir os seguintes obxectivos:
- Contribuír a racionalizar eses posibles prexuízos contra a lingua e a cultura galega.
- Sensibilizar o alumnado en relación aos seus compañeiros e compañeiras galegofalantes.
- Favorecer o mantemento lingüístico do alumnado galego.
- Promover o respecto lingüístico.
A boa medicina consta das seguintes actuacións:
- Mellora da información sobre os usos lingüísticos do grao na web
- Dous vídeos con testemuños de alumnado e profesorado sobre a súa experiencia coa lingua galega na Facultade de Medicina
- Un obradoiro de xestión das linguas nas aulas (outubro) dirixido á formación sociolingüística dos principais axentes da Facultade: equipo decanal, comisión de normalización lingüística, coordinadores e profesoras/es de 1º curso, alumnos titores, unidade de xestión do centro e outras persoas interesadas
- Un folleto de sensibilización e con información sobre os dereitos lingüísticos na USC (díptico)
- Información sobre recursos e estímulos para estudar en galego (roll-up, web, obradoiro)
- Un curso de lingua galega (nivel A) para non galegofalantes
- Un programa de voluntariado lingüístico, ELOS para aprender / ensinar galego por parellas, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela
- Unha campaña propagandística de sensibilización, con cartelaría, unha actividade participativa que tamén se leva ás redes sociais, así como materiais de agasallo