Ir o contido principal

Wenceslao González Manteiga incorporouse á Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais

O profesor González Manteiga co diploma que acredita o ingreso, acompañado do presidente da sección de Matemáticas da Academia, Ildefonso Díaz, e do tamén académico Daniel Peña. Foto: Real Academia de Ciencias
O profesor González Manteiga co diploma que acredita o ingreso, acompañado do presidente da sección de Matemáticas da Academia, Ildefonso Díaz, e do tamén académico Daniel Peña. Foto: Real Academia de Ciencias
O catedrático da USC queda adscrito á Sección de Ciencias Matemáticas

O catedrático de Estatística da USC Wenceslao González Manteiga, investigador principal do grupo MODESTYA (Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións), ingresou este xoves como académico correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, adscrito á Sección de Ciencias Matemáticas.

A conferencia de ingreso versou sobre as novas técnicas de estatística en Ciencia de Datos, que teñen experimentado un avance moi expansivo nos últimos anos debido fundamentalmente á cantidade masiva de datos que se xeran coas novas tecnoloxías. E á súa vez a estatística xoga hoxe un papel multidisciplinar en ámbitos máis amplos como o das propias Matemáticas, a Ciencia de Datos ou a intelixencia artificial.

Neste sentido, o novo académico presentou avances recentes desenvolvidos polo seu grupo de investigación enfocados precisamente a tratar metodoloxicamente a complexidade deses datos. Así, destacou o estudo dos modelos de regresión en alta dimensión, o recoñecemento de imaxes a través da estimación de conxuntos, a análise de datos direccionais e o estudo da información que evoluciona espacial e/ou temporalmente, mediante a metodoloxía dos procesos puntuais.

Wenceslao Gonzaéz Manteiga
Licenciado en Matemáticas en 1979 na USC, é o primeiro doutor en Estatística de Galicia, cunha investigación defendida en 1982 recoñecida con premio extraordinario. A súa tese, ‘Consistency and Asymptotic Properties of Nonparametric Density and Regression Estimators¡, foi o punto de partida da súa carreira investigadora no eido da  Estatística, na que tiveron especial relevancia os desenvolvementos metodolóxicos en Estatística Matemática. A súa actividade académica desenvolveuse na Facultade de Matemáticas da USC, onde obtivo a praza de profesor de Estatística en 1992.

As súas áreas de investigación e colaboración internacional inclúen a estimación non paramétrica de densidade, estimación de curvas, modelado de series temporais, métodos bootstrap, análise de datos espaciais, análise de supervivencia de datos funcionais ou estimación de conxuntos, métodos de alta dimensión. O novo académico mantén unha perspectiva teórica e aplicada, tendo feito achegas relevantes en aplicacións biomédicas, ambientais e industriais e propiciado a transferencia de coñecemento á sociedade, colaborando con profesionais e científicos doutras áreas coma a Enxeñaría, a Química, a Bioloxía, a Economía ou a Medicina.

Foi o creador da Sociedade Galega de Estatística e participou como promotor na creación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), institución de referencia para a transferencia de tecnoloxía matemática á industria. recentemente integrado no Consorcio do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que é investigador garante.

Entre os recoñecementos que recibiu están o Fellow do Institute of Mathematical Statistics (2017), a Medalla Fundación SEIO-BBVA (2020), o Premio Fundación SEIO-BBVA (2020) á mellor contribución metodolóxica no ámbito da Estatística, ou ser membro da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) desde 2017 e membro do Consello Galego de Estatística dende 2009. No ano 2021 obtivo o Premio Nacional de Estatística outorgado polo Instituto Nacional de Estatística.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2024.