Ir o contido principal

Veterinaria fomenta o uso do galego entre o seu alumnado cos premios ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’

Alumnado de Veterinaria
Alumnado de Veterinaria
A iniciativa promovida desde a Comisión de Normalización Lingüística do centro gratificará cun total de 550 euros para as dúas mellores tarefas académicas e os dous TFG escritos en galego que teñan unha maior calidade lingüística. O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro
Lugo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC impulsa o uso da lingua galega nos traballos académicos do alumnado matriculado este centro universitario lugués, así como na elaboración dos TFG presentados ao longo do curso 2023-24 través das novas convocatorias dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’. O prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 30 de setembro.

A Facultade de Veterinaria busca, a través do certame ‘Escolle en galego’, incentivar o uso do galego na realización de traballos académicos por parte do seu alumnado, xa sexan tarefas de clase, memorias de prácticas ou casos clínicos, cadernos de actividades, revisións de bibliografía… Asemade, a nova convocatoria de ‘O teu traballo ten premio’ pretende favorecer que o estudantado matriculado no centro adquira e desenvolva habilidades e competencias en lingua galega, dada a pouca presenza deste idioma no proceso de ensino-aprendizaxe.

O prazo de presentación de propostas a estes galardóns, que contemplan gratificacións en metálico por un importe global de 550 euros para os dous mellores traballos académicos, así como para os TFG máis valorados polo xurado, permanece aberto ata o 30 de setembro de 2024.

As persoas interesadas, que deben estar matriculadas este curso no grao en Veterinaria, deberán asemade cumprimentar as follas de inscrición habilitadas para cada certame e que xa están dispoñibles en liña. Todas as candidaturas presentadas a calquera destes dous certames deben contar tamén cunha avaliación académica positiva por parte do profesorado.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2024.