Ir o contido principal

Veterinaria achega formación ao sector acuícola para avanzar no control de epidemias en animais acuáticos

Peixes nun fondo mariño
Peixes nun fondo mariño
O profesor da Universidade de Zaragoza Ignacio de Blas, considerado como un dos maiores expertos en epidemioloxía de animais acuáticos, imparte ata este venres no Campus de Lugo o programa de competencias teóricas e prácticas sobre a materia organizado polo Gapavet da USC a petición da Consellaría de Mar
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC achega formación ao sector acuícola e nomeadamente ao persoal do Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia en materia de epidemioloxía en animais acuáticos, a través dun módulo de formación continua organizado polo Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet) da USC, que coordina Maribel Quiroga Berdeal.

A actividade formativa, solicitada pola Consellaría do Mar e na que participan veterinarios do Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, está impartida polo epidemiólogo veterinario  da Universidade de Zaragoza Ignacio de Blas Giral, que é un dos maiores especialistas do mundo en epidemias de animais acuáticos, o que constitúe un dos principais factores limitantes da acuicultura, sinala Quiroga.

O programa do curso, de carácter teórico e práctico, pretende achegar aos profesionais veterinarios participantes a capacidade de deseñar e analizar estudos epidemiolóxicos en poboacións acuáticas, a fin de que o seu traballo contribúa a mellorar a sanidade acuícola. Daquela, ao longo de 20 horas de formación, Ignacio de Blas traballa no marco deste curso sobre competencias especificas na avaliación e interpretación de probas diagnósticas, mostraxes de animais acuáticos, tanto no que atinxe á toma de mostras, métodos de mostraxe o cálculo do tamaño das mostras; deseño de estudos de observación  lonxitudinais e transversais e mesmo sobre medición da enfermidade.

O decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Gonzalo Fernández, acompañado da tamén profesora e vicedecana do centro Maribel Quiroga, e do xefe de Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, Pedro Gandarillas, foron os encargados de dar a benvida ás persoas inscritas para tomar parte neste novo módulo de formación demandado desde a Xunta de Galicia para achegar solucións a algunha das problemáticas advertidas no eido da acuicultura.

Gonzalo Fernández, Maribel Quiroga, Ignacio de Blas e Pedro Gandarillas, na apertura do curso
Gonzalo Fernández, Maribel Quiroga, Ignacio de Blas e Pedro Gandarillas, na apertura do curso
Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2022.