A USC reúne os novos talentos en Estatística e Investigación Operativa
A cuarta edición do Encontro estatal de Xoves investigadores en Estatística e Investigación Operativa estase a desenvolver esta semana na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. O evento científico inaugurouse este mércores nun acto que tivo lugar en Fonseca presidido polo reitor Antonio López e no que tamén participaron a decana da Facultade de Matemática, Elena Vázquez Cendón; a directora científica de CITMAga, Rosa Crujeiras Casais; o director do departamento de Estatística, Pedro Faraldo Roca, e os membros do comité organizador, José Ameijeiras Alonso e Eduardo García Portugués.
Promovido pola Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa (SEIO), o encontro está organizado por e para novas e novos investigadores, con menos de tres anos de experiencia posdoutoral, co obxecto de dar visibilidade ás novas xeracións con talento en Estatística e Investigación Operativa, desde temas metodolóxicos a investigación aplicada, e fomentar a comunicación profesional entre eles, tanto no eido estatal como internacional.
Esta cuarta edición -as pasadas foron en Elche, El Escorial e Granada- reúne catro plenarios de renome en Estatística e Investigación Operativa e ata 30 relatorios de novos investigadores.
Do comité organizador, pola USC forman parte Jose Ameijeiras Alonso, María José Ginzo Villamayor e Alejandro Saavedra Nieves.