A USC presenta a Escola de Doutoramento Internacional de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde, primeira do Sistema Universitario Galego
A de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde da USC é a primeira Escola de Doutoramento Internacional creada no Sistema Universitario Galego. O reitor da USC, Juan Casares, presentou este martes 5 en rolda de prensa as particularidades desta Escola acompañado da vicerreitora de Grao e Posgrao, Eva Castro; da directora da Escola de Doutoramento, Montserrat Nogueira; e do director do Centro de Posgrao, Ignacio Zarra. A través da organización dos estudos de doutoramento na institución académica compostelá, o obxectivo é converter a esta Escola nun referente de captación de talento en todas as áreas relativas ás ciencias da vida, aglutinadas arredor da rede de centros singulares e aos axentes que integran o bioclúster de I+D asociado a Campus Vida. Así, a Escola canalizará a actividade da formación doutoral e promoverá colaboracións con entidades tanto públicas como privadas, actuando como polo de atracción e mobilidade de estudantes, profesores, investigadores e profesionais relacionadas coas Ciencias da Vida. A Escola de Doutoramento representa, segundo se puxo de manifesto na presentación, unha oportunidade única de considerar as especiais características dos estudos de doutoramento no referente a estratexias, métodos e flexibilidade na regulacións destes estudos. Estas unidades permitirá organizar e unificar esforzos institucionais que faciliten o necesario impulso da I+D+i mediante a interacción e cooperación con industrias e empresas no doutoramento. Pilar da sociedade do coñecemento As Escolas de Doutoramento, segundo o recollido no Real Decreto 99/2011 que regula as ensinanzas oficiais de Doutoramento, están chamadas a desempeñar un papel fundamental na inserción entre os Espazos Europeos de Educación Superior e de Investigación, “ambos os dous alicerces fundamentais da sociedade baseada no coñecemento”. Este mesmo decreto define ás escolas de doutoramento como “a unidade creada por unha ou varias universidades e en posible colaboración con outros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, nacionais ou estranxeiras, que ten por obxecto fundamental a organización dentro do seu ámbito de xestión do doutoramento, nunha ou varias ramas de coñecemento ou con carácter interdisciplinar”. Segundo a normativa, as Escolas planificarán a necesaria oferta de actividades inherentes á formación e desenvolvemento dos doutorandos, tendo presente que “deberán garantir un liderado no seu ámbito e unha masa crítica suficiente de doutores profesores de terceiro ciclo e doutorando no seu ámbito de coñecemento”. Ademais de poder centrarse nun ou máis ámbitos especializados ou interdisciplinares, poderán incluír ensinanzas oficiais de Máster de contido fundamentalmente científico, así como outras actividades abertas de formación en investigación. Trece programas Os trece programas de doutoramento que acubillará a Escola xirarán arredor da investigación biolóxica aplicable á saúde; os mecanismos moleculares, celulares e xenéticos da saúde e a enfermidade; a innovación terapéutica, deseño de fármacos e desenvolvemento de medicamentos, a investigación clínica e traslacional e a investigación en Ciencias Veterinarias. Concretamente son os de Atención Integral da Saúde, coordinado por Mª Jesús Núñez; Avances en Bioloxía Microbiana e Parasitaria, por Alicia Estévez Toranzo; Biotecnoloxía, por Tomás González Villa; Ciencias Forenses e Patolóxicas, por Marisol Rodríguez Calvo; Condicionantes Xenéticos, Nutricionais e Ambientais do Crecemento e Desenvolvemento, por Rosaura Leis; Endocrinoloxía, Rosa Señarís; Especialidades Médico-Cirúrxicas, por Manuel Pereiro; Xerontoloxía, Manuel Gandoy; Investigación Básica e Aplicada en Ciencias Veterinarias, por Manuel Cifuentes; Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos, por Begoña Seijo; Medicina Molecular, por Anxo Vidal; Neurociencia, por Celina Rodicio; Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, por Carmen Senra. Tal e como se explicou na rolda de prensa, esta oferta docente da USC ten como obxectivo final situar á Escola de Doutoramento na primeira liña dentro do ámbito internacional para que serva como xerme e impulsora da economía do coñecemento no campo da saúde e do benestar. Neste contexto, a formación de doutorandos realizarase a través da creación dun espazo de intercambio, comunicación e mobilidade, en base ao que incidirá nun novo impulso á I+D+i no ámbito universitario, aglutinando todas as capacidades do sector da saúde. Nesta mesma dimensión, a Escola será un espazo de cooperación no ámbito internacional, porque se potenciarán precisamente os acordos nos programas de doutoramento con universidades e empresas estranxeiras.