Ir o contido principal

A USC presenta as Contas Anuais de 2023 e sinala as infraestruturas como desafío para os próximos anos

O reitor Antonio López presidiu o Consello de Goberno da USC. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu o Consello de Goberno da USC. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou as Contas Anuais de 2023 cun resultado dun superávit superior aos 8,5 millóns de euros, cifras prudentes que reflicten estabilidade e optimismo. Na súa sesión deste martes deuse tamén o visto bo ao Plan Estratéxico da institución, co horizonte de execución en 2026

Javier Ferreira, o xerente da institución, presentou as Contas Anuais do ano 2023 que pechan cun superávit que supera os 8,5 millóns de euros nunha sesión do Consello de Goberno celebrada este martes na que sinalou que a situación económica “destaca pola súa estabilidade nos últimos oito anos, onde se apostou por desenvolver políticas de persoal grazas, entre outras medidas, ao aforro xerado mediante a contención do gasto corrente, situación que permite, por exemplo, cumprir co pagamento a provedores nun período medio de 11 días, sendo moi inferior ao legal establecido e sendo inferior a outras administracións da contorna como a Xunta de Galicia ou o Concello de Santiago”.

Neste contexto, o xerente apelou á prudencia, xa que está próxima a finalización dos programas financiados polo Fondo de Resiliencia posto en marcha despois da pandemia da COVID-19 (2026) e este feito suporá unha redución da captación vencellada á investigación. Neste contexto, e co obxectivo de diminuír o impacto que poida ter o anterior, dende a Xerencia estase a traballar na optimización dos procedementos de contratación administrativa, que suporá un aforro pola aplicación de economías de escala. Ademais, sinalouse a necesidade de incrementar a captación a través da transferencia do coñecemento para o que se está a traballar nunha simplificación dos procedementos que permitan unha relación máis áxil co tecido económico e produtivo.

Por último, informouse da previsión, no medio prazo, do reintegro de máis de once millóns de euros por parte da Axencia Tributaria derivado das sentenzas do Tribunal Supremo en relación coa dedución do IVE aplicado á investigación básica.

As infraestruturas, reto para os próximos anos
A construción da Facultade de Farmacia é o principal desafío en materia de infraestruturas para a institución nos próximos anos. A universidade precisa da colaboración da Xunta de Galicia para facer fronte a unha situación dramática da que se pode considerar Facultade de Farmacia de Galicia polo seu carácter único. As administracións con responsabilidade na educación universitaria non poden permitir que novas xeracións de profesionais farmacéuticos se gradúen sen contar cunha facultade propia, afirmou na súa intervención.

Nos últimos seis anos, a USC incrementou un 200% os recursos destinados á mellora das infraestruturas e á mellora da eficiencia enerxética co obxectivo de evitar o deterioro irreversible dos edificios e de reducir o gasto corrente da institución derivado da compra de enerxía.

Plan Estratéxico 2024-26
O estudantado e a comunidade universitaria, a formación e a docencia no novo contexto, os retos na política de persoal, a investigación e a innovación como motor do desenvolvemento sostible e o benestar, a senda da internacionalización, a procura de infraestruturas coeficientes, a transformación dixital e a xestión eficiente dos recursos son os oito eixos sobre os que pivota o Plan Estratéxico da Universidade de Santiago para o período 2024-2026 que acaba de aprobar o Consello de Goberno logo dun período activo de escoita que coordinou Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación.

En esencia, o plan recolle as formulacións da Programación Plurianual vixente e dos diferentes plans sectoriais aprobados polo Consello de Goberno e funcionará como o marco xeral ao que se acollan os plans estratéxicos das escolas e facultades. O documento foi elaborado por unha comisión designada polo Consello de Goberno e responde xa ás novas directrices da lei orgánica 2/2023 do sistema universitario (LOSU).

Cada unha das oito liñas estratéxicas contempla unha serie de obxectivos a conseguir, coas súas accións correspondentes e os indicadores xerais de cada ámbito cos retos para 2026. Remata este plan coa definición dos indicadores cuantitativos para a súa monitorización, coa mesma metodoloxía que a empregada na certificación GRI da Memoria de Responsabilidade Social, no Manual de Indicadores e Informes USC, no Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU), nos principais rankings estatais e internacionais de universidades, así como os utilizados para o seguimiento das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) recollidos na Axenda 2030.

Novos mestrados
Na mesma xuntanza, o órgano de goberno da USC aprobou as propostas de tres novos mestrados a implantar no curso 2025-2026, sendo o de Xestión de Arte e Patrimonio Cultural exclusivo da USC. O mestrado en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas desenvolverase xunto coa Universidade de Vigo e o de Materiais Avanzados coas Universidades de Alacante, Autónoma de Madrid, Barcelona, Castela-A Mancha, Málaga, Politécnica de Valencia, Zaragoza e Valencia.

Normativa títulos e matrícula
Atendendo as demandas da comunidade universitaria, o Consello validou tamén a modificación dun acordo previo, de maio de 2010, sobre criterios de admisión por cambio de universidade e/ou de estudos universitarios nos estudos de grao. Esta normativa tivera unha recente modificación en materia de continuación de estudos en graos con límites de prazas para quen procedan de titulacións nacionais, pero agora facíase preciso actualizar un criterio regulador da validación ou recoñecemento parcial de estudos estranxeiros. Así, a través da reforma aprobada hoxe, a admisión dos estudantes que soliciten o recoñecemento parcial de estudos universitarios oficiais estranxeiros está condicionada unicamente ao recoñecemento dun mínimo de 30 ECTS na titulación de destino na USC, sen que sexa exixible que se trate dos mesmos estudos universitarios, tal e como se viña exixindo ata o de agora.

Por último, nesta materia deuse o visto bo a modificacións substanciais en diversas titulacións de grao, mestrado universitario e programas de doutoramento a implantar no curso 2025-2026.

Cátedra
Noutra orde de cousas, a USC contará coa Cátedra Televés de Microelectrónica, que conta co financiamento do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e que responde á destacada actividade da institución universitaria no eido da microelectrónica no marco das liñas directrices do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).

A Cátedra xurde para tentar dar resposta á crise de desabastecemento de semicondutores que comezou en 2020 e que segue afectando os mercados e á a falta dunha masa crítica de persoal experto nos campos de deseño de circuítos integrados e dispositivos semicondutores que compromete o despregamento de iniciativas.

Profesorado
No referido ao Persoal Docente e Investigador, o Consello de Goberno aprobou a proposta de asignación de quinquenios na convocatoria de 2023, os complementos retributivos autonómicos, unha solicitude de comisión de servizo de profesorado á Universidade de Vigo e cambios de adscrición de profesorado a áreas de coñecemento.

En materia de contratación, aprobouse a convocatoria de concursos de prazas de profesorado permanente laboral e de titular de universidade e as comisións de selección correspondentes así como a reposición de prazas vacantes.

Outros asuntos
Outros asuntos tratados este martes, no que se cubriron as vacantes do sector III correspondentes ao estudantado nas comisións delegadas do Consello de Goberno, foron a modificación dos Estatutos da Fundación USC e a validación da actualización das tarifas da USC para o curso 2024-2025, destacando as relativas ao Servizo de Deportes, que se manteñen sen incremento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2024.