A USC, na posición 101-125 das mellores universidades europeas en materia de docencia
A de Santiago atópase na posición 101-125 das mellores universidades de toda Europa en materia de docencia. Times Higher Education acaba de presentar o seu ránking específico neste eido a partir, en boa medida, dunha enquisa de estudantes europeos que este ano recibiu respostas de 125.000 persoas en 18 países.
Para a súa elaboración tómanse en consideración catorce indicadores, con particular atención a cuestións relacionadas coa contorna da ensinanza e aprendizaxe do alumnado así como cos resultados académicos do estudantado. Estes indicadores agrúpanse en catro áreas sobre o cumprimento do servizo universitario en termos de servizo; recursos para o desenvolvemento da función docente, particularmente a través da ratio profesorado/alumnado; resultados, a partir dos valores recompilados na enquisa; e ambiente, parámetro no que se inclúen a proporción de alumnado e profesorado en perspectiva de xénero, número de alumnado internacional e de captación de programas Erasmus+.
Ránking de másteres de El Mundo
Esta nova listaxe faise pública semanas despois de que El Mundo recoñecera aos 250 mellores másteres de España e entre os que se destacaban sete programas de posgrao da Universidade compostelá. As mellores posicións foron para o máster en Lexicografía, primeiro da subárea de Letras, dentro da área de Humanidades, e para o de Enxeñaría Ambiental, na subárea de Xestión Ambiental, dentro do apartado de Medio Ambiente. No ámbito de Ciencia e Tecnoloxía, o máster de Química Orgánica (titulación compartida coa Autónoma e Complutense de Madrid) ascende á terceira posición na área de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas, mentres que o de Enxeñaría Química e Bioprocesos ocupa a quinta posición do subgrupo de Biociencias.
Do ámbito da Empresa, o máster de Comercio Exterior ascende á segundo posición da súa subárea, mentres que o de Turismo Urbano figura terceiro no apartado de posgraos especializados en Turismo. Completa o cadro a quinta posición do máster en Investigación de Medicamentos, no apartado de Farmacia do ámbito de Saúde. A clasificación de El Mundo realízase en base a 25 criterios que facilitan as distintas institucións consultadas agrupados en demanda, recursos humanos, plan de estudo, resultados académicos e medios materiais.