Ir o contido principal

USC e FabCity Iucatán fortalecen os seus lazos de cooperación coa definición dun convenio de prácticas para alumnado

A xuntanza desenvolveuse este xoves no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse este xoves no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
O acordo enmárcase no seo do proxecto Yucunet, consorcio internacional coordinado dende a USC e integrado por doce institucións de España, Portugal, México e Cuba que persegue a creación dunha rede educativa de Arte Contemporánea na rexión Iucatán-Cuba
Santiago de Compostela

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso, e a directora xeral do FabCity Iucatán, Ileana Cerón Palma, mantiveron unha xuntanza este xoves 25, no Colexio San Xerome, coa intención de definir un convenio a través do cal alumnado da USC poida realizar prácticas na institución mexicana. O acordo enmárcase no seo do proxecto Yucunet, consorcio internacional coordinado dende a USC e integrado por doce institucións de España, Portugal, México e Cuba que ten por obxecto crear unha rede de investigación e estudos superiores en Arte Contemporánea. O proxecto que conta cun financiamento de 873.000 euros pretende asinar unha serie de convenios entre as institucións involucradas: universidades e museos dos catro países, coa idea de que o alumnado poida realizar prácticas nas mesmas.

Na xuntanza tamén participaron o coordinador do proxecto e director do departamento de Historia da arte da USC, Federico López Silvestre; a técnica superior de xestión da área de Promoción e Estratexia Científica dependente do Vicerreitorado de Política Científica, Ana Ramos; e a investigadora contratada do proxecto Yucunet, Aránzazu Pérez Indavera, co obxecto de sentar as bases para a firma do devandito convenio.

Centro de innovación urbana

 
FabCity Iucatán concíbese como un centro de innovación urbana que busca incidir na política pública e boas prácticas en cidades latinoamericanas a través de programas, proxectos estratéxicos, ferramentas e investigación aplicada. O seu equipo interdisciplinario investiga e aplica de forma cotiá estratexias e ferramentas de innovación educativa e construción colectiva do coñecemento, entendendo que a cidadanía debe ser parte activa da concepción dos territorios que habita. 

As súas accións son diversas e establécense en catro eixos: a promoción da ciencia cidadá xunto coa xeración e uso de datos abertos, a reivindicación do acceso universal ao coñecemento, a acción climática para xerar cidades resilientes e a promoción dunha economía circular. As súas experiencias apoderando a cidadáns e permitindo o desenvolvemento de comunidades en risco son un modelo exportable a outras áreas do mundo. Ademais, os seus propios fundadores son un exemplo das pontes que se poden establecer entre América Latina e España, xa que obtiveron os seus títulos de licenciatura en México, pero completaron a súa educación superior en España. 
 
O alumnado da USC que realice prácticas en FabCity Iucatán pode ter perfís amplos e variados, dende o estudantado interesado no desenvolvemento urbano, na experimentación con tecnoloxías, na comunicación coa sociedade, no desenvolvemento e execución de proxectos, nos procesos de participación cidadá, na innovación educativa e cultural, ata o estudo do cambio climático e as intervencións sociais para palialo. 

O alumnado beneficiarase tanto da súa visión e contactos globais a través da rede de FabCities e FabLabs, como da súa experiencia en intervencións en tecidos locais. O estudantado adquirirá habilidades e ferramentas para o desenvolvemento de proxectos interdisciplinarios e a súa implementación con diversos colectivos. Ademais, as prácticas do estudantado da USC en FabCity Iucatán contribuirán a que entendan a realidade das cidades latinoamericanas e a fortalecer os lazos de cooperación con México e España.

Consorcio internacional

O proxecto Yucunet botou a andar en 2021 coa intención de ofrecer ferramentas para a creación dunha rede educativa e de investigación e traballo en Arte Contemporánea na rexión Iucatán-Cuba. “Trátase de poñer en marcha un proceso de traballo entre universidades americanas e europeas que, co apoio de profesionais independentes e de recoñecido prestixio, saque os alumnos de arte das aulas universitarias para poñelos a colaborar con expertos no ámbito dos museos, xestión cultural e comunidades e grupos da sociedade civil”, explican os responsables do proxecto.
 

De esquerda a dereita, Ana Ramos, Ileana Cerón Palma, María José López Couso, Federico López Silvestre e Aránzazu Pérez Indavera. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Ana Ramos, Ileana Cerón Palma, María José López Couso, Federico López Silvestre e Aránzazu Pérez Indavera. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2023.