Ir o contido principal

A USC celebra esta fin de semana o ‘Welcome Day’ para recibir o estudantado internacional procedente de 40 países

O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na institución. FOTO: Santi Alvite
O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na institución. FOTO: Santi Alvite
O evento contará coa asistencia de preto de 300 alumnos e alumnas
Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela acolle cada ano a máis de 1.000 estudantes estranxeiros nas súas aulas. Por este motivo, e co obxectivo de dar visibilidade ao importante labor de internacionalización da USC, a Oficina de Captación Internacional, adscrita ao Vicerreitorado de Titulacións e Internacionalización, organizará o sábado 24 de setembro no Xardín do Colexio de Fonseca, a IV edición do ‘International Students Welcome Day’, un evento para dar a benvida ao alumnado internacional que estudará na USC este curso académico.

“A internacionalización é un imperativo no contexto actual, polo que o International Students Welcome Day é un evento clave para amosar a súa relevancia”, sinalou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. O obxectivo perseguido pola USC é “ xuntar esforzos e establecer sinerxías entre institucións públicas e privadas a prol da internacionalización, para amosar os beneficios que reporta á universidade, ás cidades de Santiago e Lugo e a Galicia no eido económico, cultural e social”, engadiu.

O programa do evento, que se celebrará entre as 12.30 e as 17.30 horas, contará con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá ao novo alumnado, así como diferentes aspectos da cultura galega. Ao comezo da xornada terá lugar unha benvida institucional por parte de representantes da USC, do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia. A continuación, organizaranse actividades de tipo lúdico como dinámicas de grupo para que o alumnado interactúe entre si ou unha mostra de música tradicional galega a cargo do Espazo de Danza da USC. Despois servirase un xantar con diferentes produtos típicos da gastronomía galega.

Está previsto que asistan preto de 300 estudantes internacionais procedentes de máis de 40  países, sendo as comunidades máis numerosas a italiana, a colombiana e a mexicana.

Romper a identificación con Erasmus

Este curso académico a USC contará con máis de 1.000 estudantes internacionais procedentes de 40 países, que pertencen a diversos programas de mobilidade. Aínda que a mobilidade na universidade se segue asociando fundamentalmente ao Programa Erasmus e ao ámbito territorial de Europa, a USC nos últimos 10 anos ampliou dunha forma substantiva e significativa o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico, incluíndo actualmente países como China, Xapón, Líbano, Marrocos, Palestina, Exipto ou Afganistán, así como países de Latinoamérica. 

“É necesario romper a identificación de mobilidade con Erasmus, xa que si é certo que é o programa de mobilidade con maior recoñecemento, unha marca en si mesma que celebrou este ano o seu trixésimo quinto aniversario”, explican dende o Servizo de Captación Internacional.

A USC ten actualmente 600 convenios de mobilidade asinados, o que implica posibilidades de mobilidade con practicamente todo o mundo, fundamentalmente con Iberoamérica, por motivos culturais, históricos, pero tamén con diferentes países do norte de África, Canadá, Australia, Estados Unidos, ou Oriente Medio.

Un 90% do alumnado repetiría na USC

O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na institución, segundo un estudo realizado polo antigo Servizo de Relacións Exteriores. Esta mesma enquisa puxo de manifesto que o estudantado internacional é un importante embaixador da USC cando regresa á súa universidade de orixe. Un 40% dos novos estudantes decántase pola institución compostelá en base á experiencia positiva de alumnos internacionais de cursos precedentes.

A ampla oferta académica da universidade en diferentes áreas de coñecemento, a súa longa tradición, a oferta de servizos culturais e deportivos ou a experiencia de estudar e vivir nos campus de Lugo e Santiago, dúas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, son algúns dos factores que fan que o alumnado estranxeiro se decante pola USC. Por outra banda, a calidade de vida, os prezos económicos e a posibilidade de mobilidade para visitar outras cidades no ámbito estatal ou internacional xogan tamén un papel importante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2022.