Ir o contido principal

A USC acolle esta semana a única conferencia satélite en Galicia do IX Congreso Europeo de Matemáticas

Participantes na conferencia satélite ‘Functor and Tensor Categories, Models and Systems’ que se desenvolve en Matemáticas
Participantes na conferencia satélite ‘Functor and Tensor Categories, Models and Systems’ que se desenvolve en Matemáticas
A escolla de Santiago para este congreso, centrado na área de Álxebra, responde ao impacto e a excelencia da investigación do CITMAga nesta área específica

A sinerxía entre as categorías de funtores e tensores, a teoría de modelos para módulos e as categorías construtivas en sistemas de control lineal son as temáticas a tratar esta semana na conferencia satélite ‘Functor and Tensor Categories, Models and Systems’ do Noveno Congreso Europeo de Matemáticas (9ECM), un evento científico que se estenderá ata o 7 de xuño na Facultade de Matemáticas.

Esta conferencia forma parte do 9ECM, un encontro de gran interese para a comunidade matemática europea que se celebra cada catro anos e que este ano terá lugar en xullo en Sevilla. O 9ECM conta con 22 eventos satélite en España, sendo o de Santiago de Compostela, centrado na área de Álxebra, o único en Galicia, mostra do impacto e a excelencia da investigación nesta área específica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), que se sitúa no punto de mira internacional. CITMAga é un centro interuniversitario que agrupa matemáticos das tres universidades públicas de Galicia cun total de 106 investigadores adscritos e máis de 40 estudantes de doutoramento, ademais de 20 persoas contratadas para transferencia e xestión.

O congreso de Santiago é o quinto desa serie de eventos xa celebrados (en Estonia, Bélxica e España), consolidándose como unha plataforma chave para o intercambio de ideas. Conta coa participación de medio cento de expertas e expertos de 13 países diferentes, procedentes de universidades de prestixio internacional.

Investigacións matemáticas fundamentais
O congreso inaugurouse este luns na Facultade de Matemáticas nun acto presidido pola directora científica do CITMAga, Rosa M. Crujeiras, e no que tamén participaron o editor da Springer-Verlag, Remi Lodh, e Cristina Costoya, membro do comité organizador. A profesora Crujeiras aproveitou a ocasión para pór de relevo o CITMAga e algúns dos seus programas de investigación como o de ‘Estruturas naturais’, que aborda o desenvolvemento de ideas e resultados fundamentais motivados polo estudo matemático do espazo y a forma.

Tal e como explicou, a investigación desas estruturas matemáticas “é indispensable, non só para a correcta formulación de teorías, tanto dentro das Matemáticas como noutras ciencias, senón tamén para gañar intuición e comprensión sobre un amplo abano de retos científicos”. Só como exemplo -advertiu-, o estudo de categorías e estruturas categóricas aparece nos fundamentos da informática e o deseño de software, “e esta disciplina terá aínda maior relevancia na actual era da intelixencia artificial, na que a «comprensión» é o principal reto”.

Álxebra na USC
Na mesma inauguración, Cristina Costoya lembrou a longa tradición da facultade compostelá no campo da Álxebra, formando moitos alxebristas en toda España. Tivo un recordo especial para Eduardo García Rodeja, “distinguido catedrático da USC que estableceu unha importante escola de pensamento, sendo moitos membros do comité organizador da sección española os seus descendentes académicos”. “Coa súa obra -engadiu- o departamento da USC ten contribuído á máis ampla comunidade alxebraica en España”.

A organización desta conferencia conta co patrocinio do (CITMAga), reflectindo o compromiso e apoio á investigación matemática de calidade en Galicia. Forman parte do comité organizador Cristina Costoya (USC) e Ramón González (UVigo), investigadores vinculados ao CITMAga.

O evento inaugurouno a directora científica do CITMAga e profesora da USC, Rosa M. Crujeiras
O evento inaugurouno a directora científica do CITMAga e profesora da USC, Rosa M. Crujeiras
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2024.