As tres universidades públicas galegas organizarán as Xornadas da Sectorial de Internacionalización e Cooperación da CRUE
A USC participou nas vixésimas Xornadas da Sectorial de Internacionalización e Cooperación da CRUE, desenvolvidas na Universidade de Murcia. Tras considerar as distintas propostas para a sede da próxima reunión da Sectorial que terá lugar na primavera de 2024, o pleno da Asemblea acordou avalar a candidatura presentada conxuntamente polas tres universidades públicas galegas.
As xornadas reuniron os equipos de Relacións Internacionais e Cooperación das universidades que compoñen a CRUE. Nesta ocasión a USC estivo representada pola vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e a adxunta para Internacionalización, Belén Méndez Naya.
A Sectorial de Internacionalización e Cooperación ten como obxectivo a promoción e a posta en común das políticas universitarias de internacionalización e cooperación ao desenvolvemento, facilitando o intercambio de ideas, contactos e boas prácticas de internacionalización. A sectorial está organizada en tres grupos de traballo: Internacionalización, Mobilidade e Cooperación, divididos a súa vez en diversos subgrupos dedicados a temáticas como o recrutamento, a política lingüística, o programa Erasmus+, outras modalidades de mobilidade, estranxeiría e refuxio, entre outras. No pleno tratáronse aspectos clave como a promoción internacional, a integración das universidades españolas na iniciativa da Comisión Europea European Universities, os novos programas BIP (Blended Intensive Programme) ou a internacionalización na casa.